A hospedaría da Casa do Mar da Coruña está pechada desde o inicio da pandemia e non ten data de reapertura

Instalacións da Casa do Mar na Coruña CC-BY-NC-SA CIG

A hospedaría da Casa do Mar da Coruña permanece pechada desde o inicio da pandemia e aínda non ten data de apertura prevista. Este servizo clave e específico para mariñeiros foi suspendido no inicio do confinamento de hai máis dun ano por "prudencia" e "para preservar a saúde de usuarios e traballadores", segundo aclara a Consellería de Política Social, que asegura que o centro poderase reabrir "de manterse a tendencia favorable" dos datos da COVID na área sanitaria. 

Política Social aínda non ten data para a reapertura dun servizo que pechou ao inicio da pandemia e que reabrirá "de manterse a tendencia favorable" nos datos

Así responde o departamento que dirixe Fabiola García á pregunta parlamentaria remitida polo BNG no que cuestionaba sobre as "razóns" que xustifican un peche tan prolongado e sobre as "previsións" e "prazo estimado" que a Xunta tiña para a recuperación do servizo. Política Social advirte que a hospedaría da Casa do Mar coruñesa, malia a apertura desde o pasado verán doutros centros semellantes en Vigo ou na Mariña, permaneceu pechada "debido á evolución epidemiolóxica da área sanitaria da Coruña, que practicamente estivo en risco alto de xeito continuado dende o mes de agosto de 2020, con limitacións de acceso derivadas de sucesivos peches perimetrais".

Instalacións da Casa do Mar na Coruña © Google

Na actualidade, e ante o levantamento das medidas máis restritivas na área, a Consellería advirte da posibilidade de reapertura do centro de manterse os bos datos da pandemia, pero segue sen poñer prazos nin dar unha data aproximada. Ademais, asegura que "será necesario revisar a fondo as súas instalacións e equipamento logo dun peche tan prolongado"

A Consellería aclara que "será necesario revisar a fondo as súas instalacións e equipamento logo dun peche tan prolongado"

Precisamente, xa a principio de ano, a CIG exixira á Xunta que mantivese aberta a hospedaría e que non deixase "deteriorar unhas instalacións que prestan un servizo fundamental tanto para a xente do mar como para as súas familias”. O sindicato denunciara a "deterioración e abandono por parte da Consellería de Política Social" destas instalacións, así como o mantemento do peche dun servizo que si estivo aberto desde agosto noutras localidades galegas. 

A Consellería lembra na súa resposta ao BNG que en 2019 xa se realizaron obras na hospedería coruñesa "cun importante investimento de preto de 20.000 euros" para a adecuación de cuartos e a renovación de diversas infraestruturas, unhas obras que se unirían ás realizadas en 2016 por máis de 60.000 euros. 

O servizo das hospedarías das casas do mar está regulado pola OIT nun convenio ratificado polo Estado

A CIG, pola súa banda, recorda que as instalacións e o servizo das hospederías da Casa do Mar, cuxa competencia recae na Xunta, están reguladas por normas internacionais como o Convenio 163 da Organización Internacional do Traballo (OIT), ratificado polo Estado.

O obxectivo destas hospedarías é a de facilitar aos mariñeiros e aos seus achegados facilidades de aloxamento a prazos moi inferiores aos habituais no mercado hoteleiro, así como a convivencia entre persoas do sector. É un servizo que se presta ao conxunto da xente do mar, tanto aos mariñeiros da zona onde están situados como a tripulación dos barcos de paso ou aqueules que se desprazan para realizar cursos. Serve, tamén, como lugar de encontro e lecer para persoas xubiladas do mar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.