A evolución do número diario de novos casos de COVID, en claro descenso en Galicia dende hai case un mes, comeza a dar mostras de estancamento. A incidencia acumulada segue a reducirse, pero o ritmo de caída ralentízase e nalgunhas áreas sanitarias mesmo aumenta lixeiramente. Isto, unido ao mantemento das cifras diaris de mortes e dos indicadores de hospitalización, amosa que a quinta vaga da pandemia, favorecida pola elevada mobilidade que ten lugar no verán e a relaxación nas medidas de preveción e restricións, está aínda lonxe de rematar.
A incidencia a 7 días, que reflicte mellor os cambios de tendencia, amosa unha ralentización no ritmo de descenso
Nos últimos tres días, entre o sábado e o luns, a Consellaría de Sanidade notificou a detección de 1.717 novos casos de COVID en Galicia, unha cifra non moi afastada dos 1.937 casos dos tres días da fin de semana anterior. A incidencia acumulada a 14 días segue a descender a un ritmo rápido (ese domingo situábase en 336 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 355 do día anterior e os 449 dunha semana antes), pero a incidencia a 7 días, que reflicte mellor os cambios de tendencia, amosa esa ralentización: este domingo situábase en 144 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 150 do mércores e aos 192 do domingo anterior.
A evolución nos últimos días nas sete áreas sanitarias galegas é moi diferente. Por unha banda, A Coruña, Vigo e Pontevedra (as tres áreas que rexistraban valores máis altos) seguen a reducir o seu número diario de positivos. Pola contra, Lugo, Ourense e Santiago levan xa algúns días en ascenso, con Ferrol tamén cunha certa tendencia de aumento.
O número total de camas ocupadas nos hospitais galegos estivo dende o 1 de agosto entre as 302 e as 345, sen apenas variacións
Mentres, continúan a producirse falecementos pola COVID, notificando Sanidade dous máis este luns e 96 no último mes.
De igual xeito, a ocupación hospitalaria continúa na meseta na que se instalou dende os primeiros días de agosto. Nestes momentos hai 63 persoas nas UCI e 268 noutras unidades hospitalarias, sumando un total de 331 camas ocupadas por pacientes COVID.
O número de camas ocupadas nas UCI moveuse nos últimos sete días entre as 60 e as 64. De igual maneira, o número total de camas ocupadas nos hospitais galegos estivo dende o 1 de agosto entre as 302 e as 345, sen apenas variacións e sen iniciar o seu descenso.
Entre os concellos máis poboados, Ordes (1.315), Monforte (894) e Betanzos (866) rexistran incidencias por riba dos mil casos por cada 100.000 persoas
En canto á incidencia por concellos, hai aínda cinco localidades (Rábade, Ordes, A Veiga, Muxía e Laxe) por riba dos mil casos por cada 100.000 habitantes en 14 días. No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, ademais de Ordes (1.315), tamén Monforte (894) e Betanzos (866) rexistran incidencias por riba dos mil casos por cada 100.000 persoas.
Finalmente, todas as cidades agás Ferrol manteñen a súa tendencia de descenso. A cidade naval empeorou esta fin de semana os seus datos, o que a sitúa como a urbe galega con máis incidencia, por diante da Coruña e Vigo.