O 12 de outubro do ano 2011 un mozo de 27 anos sufriu un accidente de moto na estrada que une N-120 co lugar de Sadurnín, no concello ourensán de Cenlle. O motorista, que levaba o casco, caeu e saíu da vía, chocando contra unha árbore e ficando a un nivel inferior ao da calzada, pero visible dende a mesma. O mozo sufriu unha fractura dun brazo e unha forte contusión no tórax, que lle provocou unha hemorraxia interna. Inmobilizado e en estado de shock pero consciente, chamou co seu móbil a unha amiga ás 18.45 para pedir auxilio e, de igual xeito, comunicouse con outros coñecidos e familiares, indicando a súa posición de forma errónea.
Foi alertado, así mesmo, o servizo de emerxencias da Xunta (112), que iniciou o dispositivo de búsqueda. Nas horas seguintes, o 061 e o 112 comunicáronse telefonicamente co motorista accidentado en varias ocasións, chegando a falar un total de 43 minutos. As horas foron pasando, sen que os equipos de emerxencia atopasen o mozo, ata que xa de noite un condutor de ambulancia do 061, pola súa propia iniciativa e á marxe do dispositivo de búsqueda, ocorréuselle percorrer cun foco a estrada na que se producira o accidente, localizándoo ás 21.56 horas, máis de tres horas despois do sinistro.
"Cunha dilixente actuación dos servizos do 112 podíase ter localizado máis rapidamente ao accidentado, de modo que se incrementaran nun 50% as probabilidades de salvarlle a vida"
O motorista, que nese momento xa se atopaba en parada cardiorespiratoria, faleceu pouco despois. Nun primeiro momento, a Xunta de Galicia desestimou a reclamación presentada pola familia do motorista falecido, que acusaba á administración autonómica dun "deficiente funcionamento" dos seus servizos de emerxencias e que pedía o pagamento dunha indemnización de case 115.000 euros. Porén, xa en 2014 o Xulgado de Ourense condenou ao Goberno galego a indemnizar á familia con máis de 80.000 euros, unha sentenza que foi recorrida pola Xunta.
Agora, o TSXG vén de ratificar o ditame inicial do Xulgado de Primeira Instancia de Ourense. E só estima en parte os recursos de apelación interpostos pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 e a Axencia Galega Emerxencias Centro Atención Emerxencias 112 Galicia (Axega), reducindo as indemnizacións de 80.000 a 74.000 euros.
A sentenza salienta que "cunha dilixente actuación dos servizos do 112, esgotando as posibilidades que lle ofrecían os medios á súa disposición, podíase ter localizado máis rapidamente ao accidentado, de modo que se incrementaran nun 50% as probabilidades de salvarlle a vida". O tribunal subliña no seu ditame que o 112 non tratou de conseguir a localización do sinistrado a través da operadora telefónica, chamándoa directamente. Ademais, destaca que cando contactaron co motorista telefónicamente non lle indicaron “os sinxelos pasos para conseguir a activación do google maps ou o envío da súa posición a través de whatsapp”.
Non lle indicaron “os sinxelos pasos para conseguir a activación do google maps ou o envío da súa posición a través de whatsapp”
O ditame destaca que "cabe impor ao CAE 112 e á Xunta de Galicia o cumprimento dun estándar mínimo nos labores do operativo en orde á procura e localización do accidentado cun plan alternativo de actuación, sobre todo en casos, como o presente, en que se revela como insuficiente a mera xestión de chamadas con outros integrantes do dispositivo". E subliña que a "execución daquelas accións que se botan en falta", é dicir: comunicación coa operadora, instrucións ao accidentado para a activación do google maps e actuación do whatsapp para trasladar a súa localización, "estaban ao alcance dos membros do 112".