A xustiza reitera que a empresa pública Galaria debe poñerse ao servizo do Hospital de Vigo

Un médico, empregando un equipo de resonancia magnética nun hospital galego © SERGAS

O xulgado do Contenciosos número 1 de Vigo vén de desestimar o recurso presentado por tres radiólogos da empresa pública Galaria, que se negaban a realizar o traballo e as probas ordenadas polo Xefe de Radioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro (CHUVI) ao consideralas unha "intromisión" na autonomía da súa empresa. 

Galaria negábase a realizar o traballo e as probas ordenadas polo Xefe de Radioloxía do CHUVI ao consideralas unha "intromisión" na autonomía da empresa

O pasado mes de xuño unha ducia de pacientes de Oncoloxía que foran citados para a realización de probas de TAC tiveran que marchar ás súas casas sen poder levar a cabo os escáneres por mor da negativa de Galaria a realizar as probas. Galaria, dirixida dende hai un ano pola ex-conselleira Rocío Mosquera (que foi colocada no cargo a dedo pola Xunta) negábase a realizar probas (TACs, ecografías...) que non fosen resonancias magnéticas e, ademais, arrogábase a exclusividade da realización de resonancias no CHUVI, a pesar de que as máquinas son propiedade do SERGAS.

A sentenza subliña que "a integración dos recursos asistenciales existentes a fin de lograr unha atención integral, eficiente e continuada, é un criterio básico de xestión no ámbito da sanidade pública. Por iso é necesario que o Sergas se beneficie do traballo simultáneo e coordinado das dúas institucións mediante a constitución dun área de servizo compartido". E engade que as áreas compartidas "dependerán funcionalmente do xerente do complexo hospitalario público dependente do Servizo Galego de Saúde".

O ditame, que tamén obriga aos tres profesionais de Galaria a pagar as custas do xuízo, lembra que esta área de servizo compartido estaba creada legalmente dende o ano 2002, pero non se puido materializar debido "á oposición de certos facultativos de Galaria e á falta de apoio das xerencias sucesivas, polo que foi necesario dar un paso máis".

A Xunta reserva para Galaria  a realización do 65% das resonancias do hospital

No ano 2016 a Consellería de Sanidade (con Jesús Vázquez Almuiña á fronte) decidiu a integración funcional da resonancia de Galaria no servizo de Radioloxía do CHUVI, unha medida que foi boicoteada por Galaria en varias ocasións, a pesar de que a Xunta reserva para a empresa a realización do 65% das resonancias do hospital, o que garante uns importantes ingresos económicos para a compañía (no ano 2015 o SERGAS pagáballe a Galaria por cada resonancia ao redor de 120 euros, o que elevaba o gasto anual ata os tres millóns de euros). Ademais, foi criticada por "insuficiente" polos profesionais do centro e por sindicatos como a CIG.

CIG-Saúde esixe a completa integración (máis aló da actual "integración funcional") da resonancia magnética, xestionada por Galaria, na Estrutura de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo. O sindicato salientaba hai uns meses que "a integración funcional posta en marcha no ano 2016 non está a permitir unha verdadeira integración da labor asistencial", con consecuencias negativas para os e as pacientes da área sanitaria de Vigo. "Os intereses derivados da actual estrutura organizativa e laboral de Galaria non pode antepoñerse aos intereses das e dos doentes atendidos na nosa área sanitaria", salientaba Manuel González Moreira, secretario comarcal de CIG-Saúde.

"Os intereses derivados da actual estrutura organizativa e laboral de Galaria non poden antepoñerse aos intereses das e dos doentes atendidos na nosa área sanitaria", di Manuel G. Moreira (CIG-Saúde)

De igual xeito, a maior parte dos e das profesionais do servizo de Radioloxía da área sanitaria viguesa asinaran un escrito no que pedían "a integración real e completa dos profesionais de Galaria, feito que ata agora non sucedeu" e no que reclamaban que "o paciente" e non "a técnica" estivese no centro dos obxectivos da alta tecnoloxía sanitaria". Agora, a sentenza pon de novo en primeiro plano esta petición e os profesionais volven esixir a completa integración na estrutura sanitaria pública dunha empresa que en teoría depende do Goberno galego.

Na actualidade Vigo é a única área sanitaria galega na que o servizo de radioloxía está duplicado. En consecuencia, realízanse o dobre de probas que en áreas de poboación equivalente, como A Coruña. Unha situación que no pasado foi denunciada polo Consello de Contas.

 

Punta de lanza da privatización sanitaria

Este conflito devolve á actualidade a creación de Medtec, a externalización da alta tecnoloxía sanitaria e a súa xestión con criterios mercantís

Galaria é unha empresa pública de xestión de alta tecnoloxía médica, froito da reconversión no ano 2008 da antiga Medtec, creada en 1996 como unha sociedade anónima de capital público e sinalada como unha das punta de lanza da privatización sanitaria en Galicia. Este conflito devolve á actualidade a polémica creación de Medtec e a externalización da alta tecnoloxía sanitaria e a súa xestión con criterios mercantís, algo que seguen denunciando os sindicatos médicos e os propios profesionais do CHUVI. Durante anos Galaria foi a única encargada de realizar resonancias magnéticas en Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.