Adega denuncia que centros de ensino acollen charlas a prol do eucalipto co apoio da Xunta

Material empregado nas charlas informativas nos colexios © Lugo Madera

Adega denuncia que as charlas dunha asociación empresarial da madeira pretenden "infundir unha opinión positiva sobre o eucalipto e as especies invasoras"

A asociación ecoloxista Adega denuncia a última campaña do sector forestal nos centros de ensino públicos de Galicia. A entidade di asistir "alarmada" ao que considera o intento de "infundir entre os máis cativos e cativas unha opinión positiva sobre o eucalipto e as bondades de cultivar especies invasoras no noso territorio", nunha iniciativa que, destacan e "para máis indignación", conta co apoio económico da Xunta a través da Axencia Galega da Industria Forestal, da Vicepresidencia Segunda e da Consellaría de Economía, Empresa e Innovación.

Adega acusa "o lobby do eucalipto" de "poñer o seu foco nas novas xeracións" a través de "charlas informativas" en colexios de Infantil e Primaria. Segundo relata a asociación ecoloxista, a Asociación de Empresarios de la Primera Transformación de la Madera de Lugo, que agrupa "280 empresas do sector forestal vencelladas maioritariamente co eucalipto", ofrece estas conferencias -baixo o título O sector forestal: tan próximo como descoñecido-  aos centros a través de correos electrónicos.

Diploma repartido nos colexios polo sector forestal © Lugo Madera

"Pódese pensar inocentemente que as charlas versarán sobre arborado autóctono e o potencial do monte multiprodutivo, pero nada máis lonxe disto: da man da Sra. Piñones, e do Sr. Calipto (sic) queren dar charlas "de 1 a 2 horas" a un público sensible: "niños de entre 6 y 12 años", explica Adega. "Quererá entón esta asociación que os nenos comecen a plantar Piñones e Caliptos xa antes da súa maioría de idade?", pregúntase. 

Adega expresa a súa "sorpresa e inquedanza" ante a iniciativa apoiada con recursos públicos da Xunta

Adega expresa a súa "sorpresa e inquedanza" ante a iniciativa apoiada con recursos públicos e que "incita a pensar que realmente o que pretende é asegurar a remuda xeracional na desastrosa transformación do territorio galego nun monocultivo forestal". "Todo da man dunha asociación supostamente 'sen ánimo de lucro' que, segundo afirman, 'ten entre os seus obxectivos a divulgación do sector e dar a coñecer os beneficios que isto supón para Galicia, para o medio rural e en xeral para a sociedade e o medio ambiente".

Adega pregúntase que beneficios ten "destruír milleiros de hectáreas de grande diversidade biolóxica e hábitats prístinos de matogueiras, prados de sega, carballeiras centenarias e riquísimos bosques de ribeira en paupérrimas plantacións dunha especie considerada invasora polo propio Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente español e de marcado carácter pirófito, como é o eucalipto".

A entidade ecoloxista presentará queixa ante Educación, o Consello Escolar de Galicia e a Valedora do Pobo

Ademais, destaca que a asociación forestal emprega omo mascota un coala de peluche, "especie australiana" non presente en Galicia. "Queremos pensar que non hai interese ningún por deformar a realidade da escasísima diversidade animal (e vexetal, fungal e microbiana) das plantacións de eucaliptos en Lugo e en toda Galiza insinuando aos e ás menores de idade que aquí hai koalas", ironiza sobre unha especie que aparece tamén no diploma que se lle entrega á rapazada. 

Adega rexeita que a Xunta "invista recursos de todos e todas as galegas en campañas de manipulación da opinión pública, especialmente da poboación máis cativa, cara a unha percepción positiva do monocultivo do eucalipto e de especies invasoras en xeral, que ocultan ou minimizan intencionadamente o efecto ambiental negativo que estas especies exercen sobre a contorna". Así, instan o Goberno galego a que "retire o seu apoio a esta campaña" e recomendan aos centros educativos que "rexeiten esta proposta de actividade con espurias intencións". 

Ademais, Adega anuncia que presentará a súa queixa na Consellería de Educación, no Consello Escolar de Galicia, na Valedora do Pobo, ademais de advertir ás ANPA e sindicatos de ensino.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.