Alumnado de Bacharelato denuncia que a materia de Psicoloxía presenta como "natural" a inferioridade da muller

Programación da materia de Psicoloxía no curso pasado, co contido de "bases xenéticas da diferenza entre a conduta feminina e a masculina" © Xunta

No segundo curso do Bacharelato pódese cursar unha materia optativa de Psicoloxía, cuxos contidos xerais, como os das demais clases, veñen fixados polas programacións deseñadas pola Consellería de Educación. Este documento fixa uns estándares de aprendizaxe que despois deben ser desenvolvidos polo profesorado nas súas explicacións e actividades. Na programación da materia de Psicoloxía para o curso 2018-19 establecíase que nas aulas debían ser abordadas as "bases xenéticas da diferenza entre a conduta feminina e a masculina" e, igualmente, "a influencia dos compoñentes xenéticos que interveñen na conduta" instando ao alumnado a "investigar e valorar se estes teñen efectos distintivos entre a conduta feminina e a masculina".

Denuncian que este estándar de aprendizaxe pode levar a "impartir unha clase baseada nunha ética patriarcal", presentando "como natural, no sentido biolóxico (...) a inferioridade das mulleres na sociedade"

Un grupo de alumnas e alumnos de 2º de bacharelato do IES Fontexería de Muros presentaron un escrito ante a Consellería de Educación solicitando a eliminación destes puntos na programación da materia, xa que "permiten ao profesorado xustificar desde un posicionamento bioloxicista diferenzas psicolóxicas naturais, estereotipos que manteñen e fomenta a discriminación social da muller".

No texto, estas alumnas e alumnos denuncian que este estándar de aprendizaxe pode levar a "impartir unha clase baseada nunha ética patriarcal", presentando "como natural, no sentido biolóxico, o comportamento adquirido a través da cultura" e, xa que logo, "a inferioridade das mulleres na sociedade". Na solicitude, presentada polo Xefe de Estudos do centro, en nome do alumnado, faise fincapé na gravidade engadida que supón que se empreguen "argumentos misóxinos presentados como científicos e dende a posición de autoridade docente, incorrendo na falacia naturalista de que a natureza é a fonte do comportamento humano".

Alumnado dun centro educativo galego CC-BY-SA Xunta

Os alumnos e alumnas denunciantes engaden que a interpretación deste punto "que temos recibido no noso centro axústase ao espírito co que foi redactado o propio artigo, constituíndo isto un exemplo máis de como o pensamento patriarcal permea todos os ámbitos do saber e da vida humana".

A Xunta sinala que os contidos recollidos na normativa básica, de ámbito estatal, "non poden ser eliminados do currículo da Comunidade Autónoma"

A Xunta respondeu dúas semanas despois, a través do Subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, indicando que os contidos recollidos na normativa básica, de ámbito estatal, "non poden ser eliminados do currículo da Comunidade Autónoma". Neste caso, indica o Goberno galego, o Decreto 1105/2014 insta a incluír nas aulas contidos que axuden a "comprender e recoñecer algunhas das bases xenéticas que determinan a conduta humana", de xeito que o alumnado poida explicar "a influencia dos compoñentes xenéticos que interveñen na conduta", valorando "se estes teñen efectos distintivos entre da conduta feminina e masculina". 

Xosé Cabido, Xefe de Estudos do centro, salienta o feito de que as rapazas e rapaces da clase "tomasen a iniciativa para denunciar isto"

Xosé Cabido, Xefe de Estudos do centro, salienta o feito de que as rapazas e rapaces da clase "tomasen a iniciativa para denunciar isto, identificaron o problema e puxéronse a buscar unha solución". "Elas e eles detectaron que iso non era razoable e que esta concepción supoñía consolidar e xustificar a desigualdade entre mulleres e homes, reaccionaron e encargáronse de cotexar a programación da materia", destaca o profesor, que subliña o importante traballo que o IES Fontexería de Muros leva anos realizando en materia de igualdade de xénero".

Despois da resposta negativa recibida da Xunta, alumnas e alumnos presentarán un escrito semellante no Ministerio de Educación, no Instituto da Muller e na Secretaría Xeral da Igualdade. O obxectivo é poñer en cuestión e buscar a eliminación deste punto que lexitima "un discurso que é moi perigoso e que serve para asentar a visión patriarcal da sociedade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.