Anadigna, a pequena adega galega que venceu o xigante Codorníu nos tribunais

Botella de viño da adega Anadigna © Anadigna

E David venceu definitivamente a Goliat. Non foi sen tempo. O Tribunal Supremo acaba de dar definitivamente a razón a unha pequena adega galega, que poderá usar xa sen restricións nin risco o nome da avoa do seu dono para o seu viño: Anadigna. Farao logo de que dous xigantes do sector, Codorníu e Pagos del Rey, intentasen evitalo pola suposta semellanza excesiva desa denominación coa que estas empresas daban a un cava, Anna, e a un branco de Rueda, Analivia

O Supremo dá a razón definitiva a unha pequena adega galega que loitou nos tribunais contra Codorníu e Pagos del Rey, que impediron que usase unha marca para o seu viño

O ditame chega logo deunha batalla xudicial de case catro anos, desde que en 2015, Carlos Rey Lustres, dono dunha pequena adega de Meaño, bautizou co nome da súa avoa o seu primeiro viño, un albariño monovarietal colleitado nas antigas terras de Anadigna. Codorníu e Pagos del Rey presentaron daquela un recurso de alzada contra a inscrición na Oficina de Patentes, que autorizara a marca para dez anos pero acabou retirándoa. 

Rey Lustres acudiu á xustiza. Entende que estas grandes empresas “crense propietarios de todas as Ana, que é un nome propio”. “Pero Anadigna era o nome da miña avoa”, explica quen tivo mesmo que acreditar co libro de familia o antropónimo da súa familiar para que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) lle dese a razón a finais de 2017 cunha sentenza na que alega que a semellanza fonética coas marcas das grandes empresas do sector “non é da entidade suficiente para que poida producir confusión no mercado”. 

Carlos Rey Lustres © Anadigna

Argumentaba o TSXG que a pequena adega galega “pertence a unha denominación de orixe dun moi especial e valioso tipo de viño propio dunha rexión moi coñecida e específica--Rías Baixas--, moi distinto aos outros viños e licores propios das outras empresas contendentes pola marca”. 

“Achándose a explicación do nome comercial no feito de que a súa avoa se chamaba María Anadigna afasta toda idea maliciosa de aproveitarse de calquera nome comercial ou marca alleas de parecida significación”, dicía o TSXG, que aseguraba que Carlos Rey limitárase a “aproveitar como negocio unha pequena adega de viño albariño de pouca extensión e mínima produción na súa casa matriz familiar” de Meaño, no Salnés. 

Os dous xigantes do sector recorreron o nome de 'Anadigna' por suposta semellanza excesiva coas marcas 'Anna' e 'Analivia'

Son 9.000 botellas anuais froito do traballo nunha hectárea repartida en catro leiras fronte aos 45 millóns que produce Codorníu ou as 70 marcas diferentes e de varias denominacións de orixe de Pagos del Rey. E un nome, o de Anadigna, que lle ensinou a Carlos Rey “a cultura do viño e o cariño pola arte de elaboralo e facer as cousas ben”. 

Malia que a historia rematou ben, Carlos Rey advirte de que el puido acudir ao xulgado e agardar porque a adega non é a súa principal fonte de ingresos, “pero estes procesos poden afundir unha pequena empresa que comeza cun proxecto con máis ganas que recursos económicos”. “Pola contra, estas grandes compañías teñen bufetes de avogados e teñen que xustificar ese gasto; para els non significa nada, pero a unha firma emerxente pódena afundir”, engade. 

'Anadigna' é o nome da avoa do dono da adega: "Ensinoume a cultura do viño e o cariño pola arte de elaboralo e facer as cousas ben”

As boas cualificacións que os viños Anadigna 2017 e Anadigna Sobre Lías 2016 recibiron en guías especializadas permitiulle a esta pequena adega facer “un oco no cada vez máis esixente mercado do viño” pero, segundo Rey, os cambios de nomenclatura obrigados supuxeron “un grave impedimento para o despegue comercial da marca e, por suposto, un enorme gasto”. Porque houbo que afrontar os custos do proceso legal e 3.000 botellas xa etiquetadas e empaquetados non saíron daquela ao mercado. Segundo indica a empresa, perdeu un ano creando outra marca, Nadigna, adaptando os deseños, modificando o logotipo e cambiando todas as etiquetas, as caixas e o material corporativo. 

Aínda que podería reclamar danos e prexuízos, Anadigna non o fará porque son difíciles de valorar. “Como se cuantifica o impacto negativo que todos estes cambios, esperas e perdas de investimentos en publicidade, redes sociais...? E as dificultades que isto causou coa distribución tiveron sobre o proceso de creación dunha marca xuto non momento do seu lanzamento?”, pregúntase Rey. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.