O tren directo de Vigo ao Porto volverá circular en decembro

O Tren Celta, nunha imaxe de arquivo na estación viguesa de Guixar CC-BY-NC-SA Praza Pública

O vetusto Tren Celta segue a ser, á espera da agardadísima conexión por alta velocidade, a ligazón ferroviaria entre Galicia e Portugal. Dende mediados de agosto para realizar o traxecto de Vigo ao Porto en tren -e viceversa- vén sendo necesario realizar un transbordo en Viana do Castelo

Contra mediados do mes de decembro volverá o servizo directo. O presidente do Eixo Atlántico, a asociación de concellos de ambas beiras da raia, vén de recibir de Comboios de Portugal a confirmación da volta do servizo. 

O tren 'Celta' na estación portuense de Campanhã, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA Praza.gal

O tamén alcalde de Viana, Luís Nobre, recibiu a información por parte do presidente da compañía ferroviaria do país veciño. Pedro Moreira, confirma o Eixo, explica que a suspensión temporal do servizo directo foi causa da "conjugação do atraso nas obras de eletrificação da linha do Algarve com a redução do número de automotoras da série 592", locomotoras diésel alugadas a Renfe que "gradualmente estão a atingir o limite de utilização contratual".

Comboios de Portugal confirma ao Eixo Atlántico que prevé enviar ao Norte máis locomotoras diésel contra finais de ano, cando remate as obras de electrificación da liña do Algarve, e retomar así o servizo con Galicia sen transbordo en Viana do Castelo

Así, neste tempo, as vellas locomotoras diésel facían os traxectos de Vigo a Viana e, de Viana ao Porto, a viaxe continuaba con locomotoras eléctricas. Pero "a meados de Dezembro, quando é previsível a ativação da
catenária na linha do Algarve" e, polo tanto, cando xa poderán circular por eles trens eléctricos "será possível libertar automotoras diesel" que "serão transferidas para o Norte e permitirão que as ligações internacionais voltem a ser realizadas nos moldes atuais".

Unha vez confirmada a volta do servizo, o Eixo Atlántico reitera a súa proposta de xestionar o servizo a través dunha empresa mixta. Esa opción, abondan, implicaría a "substitución de Renfe e CP" e "utilizar trens bitensión" que permitisen "ampliar a conexión ata A Coruña, promovendo así un servizo co Porto". 

Trens do servizo Celta e de media distancia, na estación de Guixar en Vigo, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA JP Ribeiro

Ao tempo, subliñan, "se o servizo non mellora" debera volver explorarse o "contacto con operadores privados para avaliar o seu interese" nesta liña, "tal e como no seu momento solicitou Avanza". A petición, lembran, "foi aprobada inicialmente" pero que "quedou sen efecto debido á reestruturación" da empresa na Península Ibérica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.