As Neves celebra o primeiro ano de remunicipalización da recollida de envases: "un éxito económico e medioambiental"

Servizo de recollida de envases de plástico nas Neves © Concello das Neves

Hai un ano o Concello das Neves remunicipalizou o servizo de recollida de envases de plástico para conseguir "unha maior eficiencia do servizo" e unha mellora económica para as veciñas e veciños "ao quedar o beneficio da empresa privada nas arcas municipais"

En xaneiro do ano 2022 o Concello das Neves remunicipalizou o servizo de recollida de envases de plástico, que ata agora prestaba a empresa privada Urbaser. O obxectivo era conseguir "unha maior eficiencia do servizo" e, ademais, e unha mellora económica para as veciñas e veciños da localidade, "ao quedar o beneficio da empresa privada nas arcas municipais para seguir a mellorar o mesmo".

Un ano despois, o Concello fai balance dos resultados da municipalización destes servizo, destacando que neste tempo "aumentou a reciclaxe, axustáronse as frecuencias de recollida, reduciuse tamén o peso dos contedores verdes" e mesmo "se recibiron máis ingresos pola valorización dos plásticos". Para o Goberno local todo isto supón "un éxito tanto dende o punto de vista da propia atención ás veciñas e veciños, como no eido medioambiental".

Servizo de recollida de envases de plástico nas Neves © Concello das Neves

O concelleiro responsable de Limpeza e Medio Ambiente e segundo tenente de alcalde, Óscar González, valorou este mércores "moi positivamente" a prestación deste servizo con persoal propio xa que "nos permite tomar decisións en función das necesidades, aproveitar mellor os medios, aumentar as frecuencias e incluso recibir ingresos pola valorización dos plásticos".

O Concello fai balance dos resultados, destacando que "aumentou a reciclaxe, axustáronse as frecuencias de recollida, reduciuse tamén o peso dos contedores verdes" e mesmo "se recibiron máis ingresos pola valorización dos plásticos"

Cando hai un ano se puxo en marcha o novo servizo municipal, destacouse que a aposta do Concello era "pola redución antes que a recollida" e no tocante aos envases queríase "concienciar da redución necesaria dos plásticos dun único uso apostando por outras formas de consumo". E, en efecto, conseguiuse reducir o volume de envases recollidos, que mentres que entre 2015 e 2022 pasaran de 15 a 55 toneladas anuais, nos últimos doce meses a cantidade total foi de 54 toneladas de envases plásticos. Para Óscar González, isto supón un dato "moi positivo, dado que ao mesmo que tempo que reduciuse o consumo deste tipo de recipientes, o cal supón un descenso no índice que contaminación, tamén diminuíu o peso nos colectores verdes".

Servizo de recollida de envases de plástico nas Neves © Concello das Neves

A aposta do Concello era "pola redución antes que a recollida" e no tocante aos envases queríase "concienciar da redución necesaria dos plásticos dun único uso apostando por outras formas de consumo"

O concelleiro de Limpeza e Medio Ambiente e segundo tenente de alcalde explica que esta nova xestión de residuos "é un eixe fundamental da área de medio ambiente". Así, nos últimos anos o Plan Revitaliza implantou a compostaxe individual e comunitaria, engadindo que "en breve, comezaremos de novo visitas as vivendas" para potenciar este tipo de xestión. Ademais, recentemente púxose en marcha o programa de préstamo de biotrituradoras. O Goberno local das Neves salienta que "o Punto Limpo é agora un lugar con valor, no que se reciben voluminosos e os residuos autorizados para ser valorizados, algo que nada ten que ver coa imaxe vergoñenta de hai 7 anos baixo a xestión doutros gobernos locais".

O Concello das Neves tamén levou a cabo o pasado ano a remunicipalización do servizo de limpeza de edificios e dependencias municipais

Ademais do servizo de recollida de envases, o Concello das Neves levou a cabo o pasado ano a remunicipalización do servizo de limpeza de edificios e dependencias municipais, que abrangue, ademais da limpeza das dependencias dos inmobles municipais, a do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, as escolas unitarias de Rubiós e Taboexa, a Escola infantil e o Centro de día. A medida supuxo un aforro de 25 mil euros anuais para as contas municipais, ademais dunha "mellora do servizo" e unha "reordenación e mellora das súas condicións laborais", destaca o Goberno local.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.