As orixes galegas de Niki Lauda: de Nogueira de Ramuín ao reinado na Fórmula 1

Niki Lauda no ano 2011 CC-BY-SA Waerfelu

Esta noite morreu en Viena aos 70 anos de idade Andreas Nikolaus Lauda, máis coñecido como Niki Lauda, tres veces campión do mundo de Fórmula 1 nos anos setenta e oitenta. É moi recordado o gravísimo accidente que sufriu en 1976 no Gran Premio de Alemaña e que lle provocou queimaduras que lle deixaron evidentes marcas toda a súa vida.

Juan Lauda Crespo, natural de Nogueira, emigrara a comezos do século XX a Arxentina, Cuba e Nova York. Alí tivo catro fillos, e un deles (José Lauda Barbeito) casou cunha austríaca, a nai de Niki Lauda

Lauda tiña orixes galegas, en concreto de Nogueira de Ramuín, unha historia familiar na que afondou o finado Xosé Fernández Ferreiro. En 1976 -momento no que o piloto era unha das persoas máis coñecidas no mundo- publicou unha reportaxe no ABC  na que entrevistaba a Sixto Lauda Crespo, suposto tío-avó do campión austríaco. No texto, explicaba que Juan Lauda Crespo, natural de Nogueira, emigrara a comezos do século XX a Arxentina e Cuba e chegou finalmente a Nova York. Alí tivo catro fillos, e un deles (José Lauda Barbeito) casou cunha austríaca, a nai de Niki Lauda.

Na reportaxe contaba que José Lauda Barbeito mesmo chegou a participar como piloto de aviación na II Guerra Mundial, bombardeando Xapón (curiosamente Niki Lauda dirixiu dúas liñas aéreas ao abandonar a Fórmula 1). Tamén lle contaba que José Lauda e a súa muller se separaran pouco despois do nacemento do seu primeiro fillo, e que ela regresara a Austria.

Santiago Romero púxose en contacto con outros descendentes dos Lauda de Nogueira, que marcharan vivir á Coruña e Cambre

Fernández Ferreiro mesmo conseguiu daquela localizar en Galicia a outra Lauda, "idéntica" ao piloto. "Tiña mesmo os seus dentes, polos que o piloto recibira o apodo de "a rata" e que locen boa parte dos Lauda galegos", dicía, segundo recolleu unha reportaxe publicada por Santiago Romero en La Opinión de A Coruña en 2007. Neste texto Santiago Romero poñíase en contacto con outros descendentes dos Lauda de Nogueira, que marcharan vivir á Coruña e Cambre, e que contaban que nos 80, un irmán do aviador José Lauda (e posible pai de Niki) contactara dende os EEUU co daquela alcalde coruñés, Joaquín López Menéndez, coa intención de recuperar propiedades en Cambre. Ao descubrir que "esa herdanza xa non existía" racharon as relacións entre as dúas familias.

Porén, esta orixe de galega de Niki Lauda, a pesar deste relato e da evidente semellanza física entre o piloto austríaco e os Lauda que na actualidade residen na Coruña (como se pode observar nas imaxes da reportaxe de La Opinión), nunca foi recoñecida oficialmente. Na meirande parte das biografías do campión de Fórmula 1 recóllese que o seu avó paterno foi o empresario vienés Hans Lauda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.