Ata 15 horas de traballo diario: detidas catro persoas por explotar estranxeiros en Santiago para repartir paquetería

Vehículo da Policía Nacional nunha localidade galega, nunha imaxe de arquivo © Delegación do Goberno de España en Galicia

A Policía Nacional dirixiu desde Compostela unha investigación con 18 vítimas e inspeccións en almacéns desta cidade e Ourense

18 vítimas, inspeccións en almacéns de paquetería de Santiago e Ourense e catro persoas detidas, tres delas en Compostela e outra máis en Guadalaxara. Son as principais cifras dunha operación dirixida desde a comisaría da Policía Nacional de Santiago pola Brigada de Estranxeiría contra a explotación laboral de cidadáns estranxeiros no reparto de paquetería. Os tres detidos en Santiago xa foron ingresados en prisión por orde dun xulgado desta cidade.

Comisaría da Policía Nacional en Santiago, desde donde se dirixiu a operación © Google

Segundo informa a Policía Nacional, a investigación comezou en Santiago o pasado agosto cando a Brigada de Estranxeiría recibiu información dunha organización que explotaba laboralmente estranxeiros que empregaba como repartidores de paquetería. O grupo "captaba a cidadáns estranxeiros, na súa maior parte colombianos, a través de redes sociais". Ofrecían aloxamento e a promesa de realizar os trámites necesarios para regularizar a súa situación en España. Porén, a realidade era outra.

Os afectados eran penalizados por non realizar suficientes entregas diarias ou por danar os vehículos

"Unha das vítimas tras a súa chegada a Santiago foi captada pola organización e obrigada a traballar nunha empresa de reparto de paquetería sen ningún tipo de contrato e sendo explotada laboralmente con xornadas laborais abusivas de entre 12 e 15 horas diarias", relata a policía. Os afectados tamén "eran penalizados alegando non realizaren un determinado número de entregas diarias ou por causar danos nos vehículos utilizados no reparto, os cales na maioría dos casos eran vehículos antigos e moi danados, o que era utilizado pola organización como xustificación para non pagarlles nada".

Un coche da Policía Nacional en Santiago nunha imaxe de arquivo © Delegación do Goberno de España en Galicia

A Policía Nacional salienta que a súa investigación dirixiuse desde o primeiro momento "á identificación das posibles vítimas para a súa protección". No curso da mesma realizáronse inspeccións conxuntas con Inspección de Traballo en dous naves de almacén e reparto de paquetería, unha en Santiago e outra en Ourense.

Finalmente foron detidas catro persoas, tres delas en Santiago e outra en Guadalaxara, ás que se imputan delitos contra os dereitos dos traballadores, favorecemento da inmigración ilegal e pertenza a grupo organizado. Os tres detidos en Santiago foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 3 desta cidade, que decretou o seu ingreso en prisión. A policía aínda non á por finalizada a operación e segue buscando máis posibles vítimas e outras persoas que puideran estar implicadas nestes feitos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.