Á acreditada inxustiza policial e xudicial sufrida pola betanceira, acusada falsamente do asasinato da filla da súa ex-parella, engadiuse un amplo sufrimento froito dun sinalamento público salferido de sensacionalismo e homofobia
Hai agora vinte e cinco anos, a betanceira Dolores Vázquez foi acusada falsamente e inxustamente detida e condenada polo asasinato na provincia de Málaga de Rocío Wanninkhof, filla da súa ex-parella. Chegou a pasar case ano e medio en prisión por un delito que non cometeu e do que só puido liberarse cando o verdadeiro culpable dos feitos, un británico chamado Tony Alexander King, matou outra moza e os seus restos biolóxicos o sinalaron tamén como autor do crime atribuído á galega.
Pero, como é coñecido, a acreditada inxustiza policial e xudicial ficou formalmente reparada en forma de sentenza. Pero non así o sufrimento persoal de Vázquez en forma de sinalamento público en moitos eidos salferido de sensacionalismo e homofobia. Dunha presión social que a levou, durante anos, a residir no Reino Unido para poder sentirse verdadeiramente "libre". Por todo o vivido, pola súa fortaleza, mais tamén pola ausencia de amparo social e institucional naqueles, anos, Dolores Vázquez foi homenaxeada este 23 de marzo na súa vila, onde agora vive.
A forma elixida polo Concello de Betanzos para homenaxear a súa veciña foi concederlle o premio Úrsula Meléndez de Texeda, que o consistorio entrega ligado aos actos do 8M en lembranza dunha betanceira do século XVII que promoveu co seu testamento a protección de orfas da vila. No nome de toda a corporación, que apoiou a distinción por unanimidade, a alcaldesa subliñou que o premio pretendeu "facer algo que, se cadra, debiamos ter feito hai moito tempo: recoñecer, honrar e, sobre todo, pedir perdón a unha muller que sufriu unha das maiores inxustizas da nosa historia recente", resume a socialista María Barral.
"No meu corazón aínda necesito un perdón" do Estado, subliña unha emocionada Dolores Vázquez ao recibir o premio Úrsula Meléndez de Texeda de mans da alcaldesa, quen evidencia a tardanza en "recoñecer, honrar" e trasladar desculpas á "vítima dunha sociedade que en lugar de protexerte, te sinalou"
"Loli, este pobo débeche moito máis que palabras, debémosche xustiza, dignidade e a calor que che foi arrebatada cando máis o necesitabas", expresou a rexedora ao dirixirse a unha muller que foi "vítima dunha sociedade que, en lugar de protexerte, te sinalou" ata "condenarte sen probas e sen humanidade". É por iso que, agrega Barral, o Concello desexou "romper o silencio" aínda que sexa con demora. "E dicirche, co corazón na man: sentímolo, perdón por uns poderes do Estado que non estiveron ao teu lado como merecías; perdón por cada mirada inxusta, por cada dúbida, por cada cobadazo, por cada xesto de abandono".
"Querémoste e admirámoste", acrecentou a alcaldesa de Betanzos ante un auditorio ateigado para un acto que pretendeu tamén procurar que o acontecido non caia no esquecemento. "Porque a xustiza non é só cuestión de tribunais, tamén é memoria, recoñecemento e reparación" e este premio pretende, conclúe Barril, "empezar a saldar esa débeda" e que Dolores Vázquez "sinta que non está soa".

Unha emocionada Dolores Vázquez recolleu o premio "sen rancores" e cunha "gran ilusión". Agradecida á vila, máis aínda á familia e amizades "que non me deixaron soa" nos peores momentos, matiza non obstante que segue a botar en falta unha petición de perdón oficial por parte do Estado, cuxos poderes a encarceraron inxustamente. "No meu corazón aínda necesito un perdón do Goberno" dado que o recoñecemento en Betanzos tamén ten que ver "con que son os meus veciños e me coñecen" pero "isto vai máis alá".