Betanzos suma un mes sen auga potable polo virus na traída que provocou un brote de gastroenterite

Camión cisterna con auga potable na praza irmáns García Naveira de Betanzos CC-BY-SA R. Taboada

"Pódese ir vendo a luz á final do túnel". A alcaldesa de Betanzos, María Barral, advertiu o pasado luns que as últimas analíticas da auga da traída na vila volveron dar negativo en norovirus, logo dun mes de restricións tras o brote de gastroenterite que comezou na última fin de semana de maio, cando centos de persoas sufriron esta doenza na localidade, o que fixo acender as alarmas. 

"Imaxina estar un mes sen usar auga da billa para practicamente nada, nin para lavarte, nin para cociñar nin por suposto para consumir", explica Rubén, veciño de Betanzos, advertindo das restricións que desde hai semanas sofren os habitantes da vila: as de non utilizar a auga nin para a inxestión (bebida ou preparación de alimentos), nin para o lavado de alimentos nin para a hixiene bucodental.

Verteduras de augas fecais no río Mendo © Concello de Betanzos

Un brote de gastroenterite nos últimos días de maio fixo saltar as alarmas, con centos de persoas afectadas; a auga da traída foi a culpable

Durante estas catro últimas semanas, tres camións cisterna fornecen de auga potable á veciñanza en tres puntos de Betanzos, onde o concello tamén entrega garrafas ás persoas maiores de 75 anos que están nos programas de Servizos Sociais, así como ás familias vulnerables.

"Houbo moita xente afectada, moita con consecuencias importantes; agora xa non hai problemas de saúde, pero continúan as molestias que todo isto supón", explica este veciño respecto dunha crise sanitaria da que as pescudas sitúan a súa orixe en vertidos de augas fecais no río Mendo, nas proximidades da captación. 

Dúas semanas despois do abrocho, o Concello advertiu dunha vertedura de fecais con norovirus, o mesmo que causara a gastroenterite a centos de persoas

O pasado 13 de xuño, cando o gromo de gastroenterite xa afectara moita veciñanza -unhas 400 persoas segundo algúns cálculos-, o Concello advertiu dunha vertedura no río Mendo detectada polos servizos de control e seguimento de Viaqua, empresa que xestiona o servizo da auga, saneamento e depuración. A cor e o forte "cheiro fecal" fixo que os técnicos, acompañados pola Policía Local, seguisen o rastro ata detectar o vertido na zona coñecida como Ponte dos Cabalos, no limite entre Coirós e Oza-Cesuras, tal e como se puido comprobar tamén a través do vídeo difundido pola administración local. 

O vertido, segundo as analíticas realizadas por un laboratorio especializado, confirmaron que contiña restos fecais de orixe humana con presenza de norovirus, o mesmo que causara o brote de gastroenterite que mantén aínda vetada para o consumo a auga da rede de abastecemento de Betanzos. 

Camión cisterna para repartir auga potable, na zona do Carregal, en Betanzos © Concello de Betanzos

O Concello denunciou ante a xustiza para determinar a orixe da vertedura e un expediente informativo para determinar as responsabilidades

Desde a Consellería de Sanidade, xa o 28 de maio, e ante as sospeitas, recomendouse ter precaución coa auga da traída municipal. Os resultados das analíticas realizadas pola Inspección de Saúde Pública un día despois, o luns seguinte á aparición do brote -e dados a coñecer ao final daquela semana- confirmaban que a orixe do brote fora ese norovirus, moi contaxioso, que causa dor estomacal e muscular, vómitos e diarrea durante dous ou tres días pero que as persoas poden propagar algunhas xornadas despois de terlles desaparecido os síntomas. 

Por iso, foron moitas as familias nas que todos os seus membros se viron afectados durante un abrocho que non provocou ingresos pero si continuas chamadas a Urxencias de xente que nin foi quen de achegarse ao médico. Mesmo o Sergas tivo que reforzar o PAC da localidade naquelas primeiras xornadas de espallamento do virus. 

O Concello anunciou xa unha denuncia para que se abra unha investigación xudicial que determine a orixe da vertedura do pasado día 13 de xuño que, polos resultados das analíticas, coincide co episodio de gastroenterite. Ademais, desde a administración local abriuse tamén un expediente informativo para determinar as responsabilidades e "actuar en consecuencia". 

Pasou o peor, pero "non foi unha broma", comenta a veciñanza respecto daquela última fin de semana de maio. "Entre venres e sábado empezouse a espallar o rumor porque foron moitas as persoas que caeron enfermas e que sufriron a gastroenterite, centos de veciños... Moitos pasárono moi mal e a xente asustouse porque non sabían a que se debía aquilo", conta Rubén sobre os días antes a que todas as sospeitas apuntasen á auga da traída e o Concello decidise restrinxir o seu consumo. 

Río Mendo ao seu paso por Betanzos © Concello de Betanzos

Desde os establecementos de hostalería explican que a baixada na clientela notouse "moito" nos días seguintes a coñecerse os primeiros casos e confirmarse o problema na auga. "Houbo reticencias e temor, pero tamén era lóxico notar unha perda de clientela cando moita dela estaba afectada pola doenza e outra moita, asustada", explican. Co paso dos días, contan, a alarma foi deixando paso ás queixas polos atrancos que para a vida diaria supón non poder dispor da auga da billa. "Pero nos bares perdeuse o medo axiña... Nalgún caso tivemos que lembrarlle á xente a situación porque volveron pedir un vaso de auga co café coma se nada", engaden. 

"Non foi unha broma; moitos pasárono moi mal e a xente asustouse porque non sabían a que se debía o brote"

As restricións seguiron e a incomodidade, tamén. "A xente estaba a diario carretando auga en todo recipiente que podía", relatan veciños, que asumen que o feito de que as analíticas leven tempo dando negativo en norovirus nos últimos días fixo que moitos relaxasen as precaucións, aínda que as restricións sigan vixentes e a auga non sexa considerada potable. 

Desde o pasado mércores, as análises realizadas en oito puntos, tanto nos depósitos de cabeceira como na rede de traída de auga municipal, dan negativo, tal e como confirmou a Xunta, que espera aos resultados das mostras tomadas este luns para determinar que os parámetros de microbioloxía e bioquímica son os correctos logo da redución de cloro. Os resultados corroboran, segundo o Goberno galego, "a efectividade da limpeza de depósitos e da rede, así como da hipercloración da auga". 

Só queda agardar a estes resultados que a Xunta espera ter listos este mércores ou xoves. No caso de levantarse as restricións neses días, e logo de que se estabilicen os niveis de cloro, Betanzos sumará máis dun mes de restricións pola contaminación da auga e da súa rede de abastecemento. "Está a levar tempo, pero os resultados, finalmente, fannos ser optimistas", auguraba o pasado luns a alcaldesa, María Barral, que pediu a Viaqua descontar do recibo todos os días que a veciñanza estivo sen auga potable. 

Agora, queda determinar quen foi o responsable duns vertidos que causaron un grave problema de saúde, así como económico, en Betanzos. Aí comezará outro labor que tamén levará tempo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.