Condenados a meses de cadea catro responsables da empresa de seguridade Alcor por vulnerar dereitos dos traballadores

Imaxe da empresa Alcor Seguridad © Alcor Seguridad

A firma, con sede en Monforte, esixía ao persoal asinar documentos en branco e condicións laborais ilegais "abusando nalgúns casos da súa situación de necesidade"

A Audiencia Provincial de Lugo vén de condenar a cinco meses de cárcere á persoa que entre 2011 e 2015 ostentaba a dirección e administración da empresa Alcor Seguridad, con sede en Monforte, por cometer un delito contra os dereitos dos traballadores. O tribunal, que tivo en conta as atenuantes de dilacións indebidas e de reparación do dano, tamén condenou a tres meses de prisión, en concepto de cooperadores necesarios, ao daquela xefe de servizos nas Illas Canarias e a quen exercía como delegada da entidade en Asturias e en Catalunya; e a un mes de cárcere, como cómplice, a unha administrativa da sede da empresa en Monforte.

Imaxe da empresa Alcor Seguridad © Alcor Seguridad

Os maxistrados consideran probado que, desde aproximadamente o ano 2011 ata outubro de 2015, o acusado, quen "de facto rexentaba a entidade", empregou "a múltiples traballadores como vixiantes de seguridade, a quen impoñía, mediante engano e abusando nalgúns casos da súa situación de necesidade, condicións laborais que vulneraban os dereitos recoñecidos aos mesmos nas disposicións legais vixentes". 

A sentenza constata longas xornadas laborais e que non se realizaban cursos obrigatorios 

A sentenza salienta que, entre outras condicións, esixíalles "asinar documentos en branco ou parcialmente cubertos ao tempo de formalizar o contrato coa entidade ou con posterioridade, descoñecendo estes o seu contido e efectos, tales como recibís, solicitude de anticipos, o modelo 145 do IRPF, manifestación de que non tiñan nada que reclamar á empresa, de recibir formación e información en relación co seu posto de traballo ou de conformidade co convenio colectivo". 

Ademais, algúns traballadores, segundo a resolución, "despregaban longas xornadas laborais con quendas de 24 horas sucesivas durante varios días, sen respecto dos descansos establecidos". E, ao persoal procedente doutra empresa que debía ser subrogado pola entidade, esixíalle "formalizar novo contrato, renunciando á subrogación e, conseguintemente, a súa antigüidade como requisito para realizar horas extraordinarias".

Acto oficial no Gaiás, cun vixilante de Alcor ao fondo © Xunta

Os maxistrados tamén consideran probada a "non realización de cursos de formación de obrigado desenvolvemento, presentando a empresa xustificantes falsos asinados polos traballadores acreditativos de realizalos e instruíndo aos mesmos a realizar manifestacións en tal sentido se foran requiridos polos servizos de inspección". O tribunal destaca que o condenado "era auxiliado na imposición de tales condicións e no control do seu cumprimento polo xefe de servizos en Canarias, a delegada en Asturias e Catalunya e unha administrativa da sede da empresa".

As protestas do persoal levaron en 2014 á Deputación de Lugo a reforzar as cláusulas sociais das súas adxudicacións mentres a Xunta se desentendía dos seus contratos coa firma

"Acollemos que o modus operandi da entidade no período enxuizado, enganoso e coactivo, impoñendo ás traballadores condicións ilegais, beneficiosas para a mesma e claramente prexudiciais nos seus dereitos laborais, é subsumible no tipo penal", conclúen os xuíces na resolución, contra a que cabe presentar recurso ante o TSXG.

No seu momento as protestas do persoal de Alcor levaron á Deputación de Lugo a rescindir contratos coa empresa e reforzar as cláusulas sociais das súas adxudicacións, procedementos de control público sobre as subcontratas dos que a Xunta se desentendeu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.