O proxecto traballa dende hai 23 anos co alumnado de educación infantil do oriente ourensán a prol da igualdade, a innovación educativa e o fomento de materiais lúdico-educativos en galego
O proxecto Convivencia de Educación Infantil Cholo e Nela traballa dende hai 23 anos co alumnado de educación infantil do oriente ourensán a prol da igualdade, a innovación educativa e o fomento de materiais lúdico-educativos en galego. Autoxestionado pola comunidade educativa, o proxecto adoitaba celebrar todos os anos unha festa na que se xuntaban máis de mil persoas -entre alumnado, profesorado e familias- das bisbarras Valdeorras, Trives, O Bolo e das terras de Viana.
A festa consiste nun día de encontro lúdico, organizado pola comunidade educativa dos centros participantes, todos eles escolas públicas, que suman máis de 700 alumnos e alumnas e uns 100 mestras e mestres, ademais das nais e pais e outros familiares. Neste 2020 Rubiá ía acoller a actividade, que lamentablemente tivo que ser adiada ata o ano que vén, por mor do coronavirus.
En resposta a ese aprazamento obrigado, o proxecto lanzou un videoclip titulado 'Covid que te vin!', elaborado "para amenizar o confinamento de toda a rapazada galega"
En resposta a ese aprazamento obrigado, o proxecto lanzou un videoclip titulado Covid que te vin!, elaborado "para amenizar o confinamento de toda a rapazada galega". "Quixemos compoñer este tema como un soporte máis para sobrelevar o confinamento de forma amena e que puidera ser gozado por toda a cativada do país", destacan os seus responsables, que explican que "o tema musical deste ano, como non podía ser doutra maneira, ten unha proposta clara: a recomendación de ficar na casa".
Ao berro de "Covid que te vin" promóvense hábitos e xestión do tempo de confinamento dende unha proposta divertida, activa e participada, na que rapazada e familias, dende as súas casas, queren trasladar unha mensaxe positiva "Entre todas e todos sairemos desta".
Búscase a reivindicación do tramo educativo de educación infantil, da profesionalidade dos/as mestres/as desta etapa e a importancia que ten no sistema educativo e para os/as cativos/as
Cholo e Nela son os personaxes e os referentes desta proposta educativa que perdura no tempo. Son, explican dende o proxecto, "referentes sinxelos, un globo e unha pinga de auga do río Sil" que nos últimos anos foron "axentes activos e dinamizadores da transversalidade, a convivencia, a innovación educativa, o deseño de materiais e recursos en galego para a educación infantil e o traballo globalizado da comunidade educativa neste proxecto común, no que a titoría desenvolve un papel importante". Engaden que destes grupos de traballo xurdiu unha iniciativa de formación musical para nenos e nenas que compón e grava un tema musical para cada edición dos encontros.
A Convivencia inspírase nun proxecto iniciado en Estremadura no curso 1993-94, en concreto na comarca de Zafra. Xurdiu ao redor do que era, naqueles momentos, un centro de profesores (CEP), que hoxe en día se converteu, ao igual que en Galicia, nun centro de formación e recursos (Cefore). A experiencia galega botou a andar no ano 1997 cuns obxectivos máis modestos que os actuais: un día de excursión e festa con actividades propias para nenos/as de educación infantil, outorgándolle a ese deseño o carácter educativo e lúdico, e construtivo.
Sublíñase a importancia da contorna e do concepto de "comunidade educativa"
Buscábase, e séguese a buscar, a reivindicación do tramo educativo de educación infantil, da profesionalidade dos/as mestres/as desta etapa e a importancia que ten o dito tramo dentro dos centros, no sistema educativo e para os/as cativos/as. "Neste sentido, en moitos de nós estaba presente a idea e as referencias necesarias de certas imaxes que confunden unha concepción educativa cunha de carácter asistencial", destacan. Así mesmo, sublíñase a importancia da contorna, pois "nada é factible se non se ten en conta o escenario no que se vai desenvolver". E, finalmente, a relevancia do concepto de "comunidade educativa", abranguendo a pais e nais, nenos e nenas, institucións públicas e privadas "colaborando e traballando a prol dun proxecto común".
O proxecto foi medrando, e o día de excursión e festa converteuse nunha celebración que todos os anos reúne a máis dun milleiro de persoas ao redor dunha temática que é traballada durante meses nos centros de ensino. A festa constitúe "o motor dunha serie de procesos dentro do eido educativo da educación infantil", destaca a comunidade educativa que impulsa a Convivencia. Os valiosos materiais que compoñen a iniciativa pódense atopar e descargar na web do proxecto.