'Ecos da galerna do 61': a traxedia que azoutou a costa norte galega hai 60 anos

Un dos mariñeiros que participa no documental 'Ecos da galerna do 61' © Ecos da galerna do 61

O próximo 12 de xullo cumpriranse 60 anos dunha galerna no mar Cantábrico que en 1961 causou unha enorme traxedia desde a costa norte galega ata o golfo de Biscaia. A dureza daquel fenómeno repentino e as experiencias vividas polos que o sufriron quedaron para sempre na memoria colectiva de moitas vilas mariñeiras do Ortegal e da Mariña, onde os testemuños foron transmitidos de avós e pais a fillos e netos. Foron máis dunha ducia de buques afundidos e máis de 80 mortos, 34 deles galegos, nun impoñente temporal contra o que moitas persoas loitaron durante case tres días no mar. 

Un documental lembra mediante testemuños do superviventes a galerna de 1961, na que morreron máis de 80 mariñeiros, 34 deles do norte de Galicia

"A traxedia da galerna é un tema do que se falou sempre moito; a xente do mar contaba e conta o duro que foi e o drama que supuxo", conta Ricardo Bellas, da asociación Nordés, colectivo que divulga os valores patrimoniais, ambientias, históricos e culturais das Terras da Faladora, que inclúen os municipios das Pontes, Ortigueira, Mañón, Muras, Ourol e O Vicedo. No seu afán por "gardar na memoria colectiva" acontecementos relevantes da zona, a entidade comezou a recoller testemuños de varios mariñeiros que sobreviviron a aquel temporal nun proxecto que virou nun documental que agora ve a luz. 

Ecos da galerna do 61 é o título dunha peza producida e realizada por Pinancho Audiovisuais, que lanzou xa un avance do documental que prevé ser estreado nun mes --"se a pandemia o permite"-- con exposicións públicas en Ortigueira, O Barqueiro, Espasante, O Vicedo ou Celeiro, localidades que máis sufriron hai 60 anos aquel temporal

Un temporal inesperado e "dunha dureza extraordinaria e mortal", barcos e mariñeiros loitaron durante case tres días por sobrevivir

Naqueles días de verán de 1961, a frota boniteira da zona estaba metida de cheo na campaña cando se atopou, como lembran desde Nordés, "no medio dun temporal inesperado e dunha dureza extraordinaria e mortal". Ao longo de case tres días, barcos e homes loitaron por sobrevivir mentres familiares e amigos agardaban nos peiraos as novas que no chegaban. Algúns conseguírono pero moitos outros non. 

Máis de 80 homes perderon a vida e outros tiveron que "agarrarse á vida por un pelo", como lembra un dos testemuños recollidos a través de Pepe, Cándido e Darito, os tres mariñeiros que participan no documental. Outros superviventes non quixeron participar. "É entendible e lóxico; hai xente á que lle afectou moito, que sufriu un pánico moi grande e que non quere lembralo nin facelo público", di Ricardo Bellas, que andou tamén ao mar, como seu pai, e que tivo un tío que sufriu a galerna. "Levo desde cativo escoitando aquelas historias", aclara. 

Algunhas, di, moi duras. Como a dun mariñeiro que lembra --tamén no documental-- como, ante unha enorme onda, decidira xa agarrarse ao risón para ir ao fondo coa embarcación e non sufrir durante horas sabendo cal era o seu final mentres escoitaba compañeiros berrar. "Foi moi duro... Xogáronse a vida durante días e viron morrer moitos amigos", explica Bellas, que recorda como o director do documental, David Vázquez, recoñeceulle o "impacto" e a "emoción" que lle provocaron os relatos dos mariñeiros. 

O Barqueiro, unha das localidades máis afectadas pola galerna de 1961 © Turismo de Galicia

Ademais das súas lembranzas, o documental conta coa achega fundamental de Hixinio Puentes, escritor e investigador local autor da obra La Galerna de 1961 (Laverde, 2005), sobre aquel temporal que comezou na noite dun 12 de xullo e, como acontece con este tipo de fenómeno, cando o mar estaba practicamente en calma. 

A galerna de 1961 deixou 53 viúvas e 156 orfos en toda a cornixa cantábrica

O Badiola, o Todos los Santos, o Mari Loly ou o Santa Lucía foron algúns dos barcos que sufriron unha traxedia da que apenas se recuperaron corpos e que, en toda a cornixa cantábrica, deixou 53 viúvas e 156 orfos, moitos nas comarcas do norte de Galicia. 

"Quedamos ao algarete polo mar abaixo", lembra sobre a galerna un dos mariñeiros no documental que, segundo explican desde Nordés, acabará sendo público e a disposición de colexios, asociacións e "calquera que queira recordar aquela historia". A da "cantidade de homes que se foron co mar e non volveron máis", como di un dos superviventes. "O mar que nos comía", conta. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.