Sanidade notifica a detección de 767 novos positivos, moi por debaixo dos 1.111 do pasado xoves
A quinta vaga da pandemia de COVID continúa a baixar en Galicia. Faino de forma lenta e aínda cun moi elevado número de contaxios detectados cada día, pero de forma constante e xa lonxe dos niveis acadados a final de xuño. Este xoves a Consellaría de Sanidade notifica a detección de 767 novos positivos, moi por debaixo dos 1.111 do pasado xoves.
A incidencia acumulada nos últimos 14 días sitúase nos 517,36 casos por cada 100.000 habitantes, despois de ter acadado os 644 hai dúas semanas. A incidencia acumulada a 7 días tamén descende ata os 238 casos, fronte aos 251 do día anterior e os 344 que chegou a acadar a finais de xullo.
Nas últimas tres semanas 60 persoas morreron en Galicia por mor da COVID
Porén, o incremento no número de contaxios no mes de xullo continúa a deixar un aumento no número de mortes asociadas á enfermidade, con cinco novos falecementos notificados este xoves, un total de 60 nas últimas tres semanas. O número de mortes, aínda que superior ao rexistrado entre marzo e xuño, é moi inferior ao que se tería producido co mesmo número de contaxios e unha poboación non vacinada.
O pico hospitalario da quinta vaga da pandemia semella ter sido superado
Nos hospitais mellora a situación con respecto ao mércores, cun total de 51 camas ocupadas nas UCI e 266 noutras unidades. A cifra total de persoas ingresadas con COVID (317) é aínda superior ao que se rexistraba hai sete días, pero o pico hospitalario da quinta vaga da pandemia semella ter sido superado.
A Coruña-Cee segue a ser a zona con máis contaxios (376 casos por cada 100.000 habitantes en 7 días)
A mellora dos datos de incidencia prodúcese en todas as áreas sanitarias, aínda que A Coruña-Cee segue a ser -con gran diferenza- a zona con máis contaxios por habitante (376 casos por cada 100.000 habitantes en 7 días). Afortunadamente, tamén esta área sanitaria iniciou hai tres días unha tendencia de descenso no número de novos positivos. Despois da Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra son as áreas con máis incidencia a 7 días.
Fisterra, Malpica, Corcubión e Cee están entre os dez concellos con máis incidencia acumulada en 14 días
No mapa de incidencia por concellos obsérvase como os peores datos corresponden a localidades costeiras, especialmente na Costa da Morte, Rías Baixas e comarca da Coruña. Fisterra, Malpica, Corcubión e Cee están entre os dez concellos con máis incidencia acumulada en 14 días e tamén Sada, Oleiros e a propia cidade da Coruña superan os 750 casos por cada 100.000 habitantes en dúas semanas. O Grove, aínda que mellora os seus datos, continúa a ser o concello de máis de 10.000 habitantes con maior incidencia.
Só Ourense e Compostela presentan incidencias acumuladas inferiores a 500 casos
Nas cidades, A Coruña segue a ser a urbe con peores datos (766 casos por cada 100.000 habitantes), seguida de Vigo e Pontevedra, que é a única que non reduce o seu número de contaxios no último día. Só Ourense e Compostela presentan incidencias inferiores a 500.