O Concello da Coruña advirte os hostaleiros de incumprimentos na reapertura de terrazas

Terrazas abertas, na Coruña, no inicio da fase 1 do desconfinamento © TVG

O Concello advirte da "situación" dalgunhas terrazas por "non responder ao espírito da instrución pública presentada para garantir o distanciamento social e a saúde"

O Concello da Coruña advirte ao sector hostaleiro sobre as eivas observadas en diferentes locais este luns, no inicio da fase 1 que permitiu a apertura de terrazas. Tal e como se puido comprobar durante todo o día e en numerosas imaxes, houbo bares e restaurantes onde se incumpriron as distancias de seguridade entre mesas e clientes ou mesmo se superou o espazo permitido para a ocupación da vía pública.  

Así, a través dun comunicado oficial, o Concello alerta da "situación observada con respecto ao funcionamento dalgunhas terrazas" porque "non responde ao espírito da instrución pública que presentou a semana pasada para garantir o distanciamento social e a saúde nestes elementos de mobiliario".

Juan Díaz Villoslada, concelleiro de Urbanismo na Coruña © Concello da Coruña

A Concellería de Urbanismo lembra que "todas as medidas que se toman ao respecto realízanse en beneficio do sector hostaleiro e son acordes ao que permite o Goberno central co fin de frear a pandemia". Ademais, advirte á cidadanía da "importancia de non relaxarse nesta fase de desescalada e de gardar a distancia social porque, de non o facer, poderiamos dar un paso en falso e volver atrás".

O Concello advirte á cidadanía da "importancia de non relaxarse nesta fase de desescalada e de gardar a distancia social" para "non volver atrás"

O comunicado chega despois de que diversas imaxes e testemuños advertisen de aglomeracións excesivas en diferentes locais da cidade, especialmente na tarde do luns. Segundo puido saber Praza.gal, o Concello mesmo advertiu a asociacións de hosteleiros da gravidade dalgúns incumprimentos, como o aumento descontrolado de mesas ou o nulo control sobre as distancias requiridas, así como da incoación de expedientes de sanción de ata 6.000 euros no caso de seguir detectándose irregularidades. 

Así, dous locais de hostelería da praza de Vigo decidiron pechar "ata próximo aviso" ante a "actitude irresponsable dunha minoría" durante a xornada do luns e "como medida extraordinara de concienciación social, con obxecto de garantir a seguridade dos nosos clientes e empregados". Así o indican nun comunicado no que lembran o número de vítimas mortais polo coronavirus. 

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, lembra que o número de mesas permitidas limítase ao 50% do número total de mesas que xa tiñan autorizadas previamente, agás nuns espazos públicos determinados nos que se autoriza incrementar a superficie destinada a terraza. Neste caso, poderase incrementar o número de mesas, mais deberase respectar a proporción do 50% entre mesas e superficie dispoñible, levando a cabo un incremento proporcional do espazo peonil no mesmo tramo da vía pública en que se sitúe a terraza e que, en ningún caso, pode superar o número de mesas que constan na solicitude de licenza. 

"Non podemos esquecer nunha semana os 26.920 falecidos, os 176 falecidos novos entre onte e hoxe ou os hospitalizados", advirte Fernando Simón

A administración local lembra que "as mesas ou agrupacións de mesas deberán estar, como mínimo, a dous metros unhas das outras", que as reunións permitidas son de até un máximo de dez persoas por mesa ou conxunto de mesas e que os locais deberán cumprir as medidas de hixiene e prevención que esixen as autoridades sanitarias.

Precisamente, na rolda de prensa deste martes, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, fixo un chamamento á poboación logo das imaxes de terrazas cheas e sen gardar distancias de seguridade en varios puntos do Estado. "O que viviron os profesionais sanitarios e a poboación xeral non o podemos esquecer tan axiña. Non podemos esquecer os nosos 26.920 falecidos, non podemos olvidar que aínda temos 176 falecidos novos entre onte e hoxe, non podemos olvidar todos os hospitalizados que aínda están nos hospitais, nin a todos os que estiveron. Non podemos olvidalos nunha semana". 

O Concello de Lugo ábrese a medidas "excepcionais"

Por outra banda, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mostrouse aberta a modificar as pautas que rexerán a apertura de locais na cidade logo da reunión mantida con membros da Asociación de Empresarios de Hostalaría "co fin de que a hostalaría local poida ou ben ampliar as terrazas das que dispoñen ou ben instalalas no caso daqueles establecementos que agora non teñen e así o desexen".

Xente nas terrazas en Lugo, este luns © Concello de Lugo

A rexedora avanzoulles que esta planificación terá un "carácter excepcional" e que as medidas que se adopten deben ser "respectuosas co mantemento do espazo necesario para a circulación de vehículos de emerxencia e co dereito da veciñanza para desprazarse pola cidade sen barreiras".

As medidas artelladas estarán baseadas, principalmente, en cinco supostos: a ampliación das terrazas nas zonas peonís que así o permitan; o estudo das rúas que se poidan cortar ao tráfico tanto para favorecer a súa colocación como para incrementar as zonas de paseo da cidadanía; a instalación de mesas e cadeiras en vías de anchura suficiente ou, en caso contrario, valorarase a utilización, ao efecto, dalgunhas áreas de aparcadoiro sitas en fronte e, por último, analizarase a posibilidade de ubicar terrazas  en prazas amplas, como poden ser as de Augas Férreas, Bretaña ou Camiño Primitivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.