Enrique Ojen, natural de Sada, emigrara cara aos Estados Unidos (EUA), vía Liverpool, con 20 anos en 1914. Establecido en Nova York, e xa nacionalizado estadounidense, acumulaba tres décadas de experiencia como mariñeiro e estaba embarcado no cargueiro de vapor SS Heredia, onde traballaba como engraxador. Con 48 anos, foi un dos falecidos ---desaparecido no mar-- nun buque torpedeado e afundido polo submarino alemán U-507 do exército nazi en maio de 1942, durante a Segunda Guerra Mundial.
O Congreso dos EUA concederá a Medalla de Ouro aos mariños mercantes que serviron baixo a súa bandeira na II Guerra Mundial, entre eles centos de galegos
O seu compañeiro, o coruñés Marcelino Mosquera, de 53 anos e encargado do mantemento das máquinas, morreu tamén naquel ataque, ao igual que outro sadense, Antonio Blanco, home de mar experimentado que chegara a NY desde Cuba en 1919 para acabar perecendo aos 57 anos rumbo a New Orleans xunto con outros 40 tripulantes que nunca foron achados.
Enrique, Marcelino e Antonio son tres dos mariños mercantes galegos aos que o Congreso dos EUA concederá nos vindeiros días a Medalla de Ouro, o distintivo civil máis importantes dese país, por servir baixo bandeira estadounidense na Segunda Guerra Mundial, logo de que o Senado aprobase o pasado 21 de decembro o anteproxecto de lei.
A iniciativa foi impulsada polo congresista demócrata John Garamendi, neto de vascos, e tornará en lei nas vindeiras semanas, segundo destaca Pedro J. Oiarzabal, doutor en Ciencias Políticas-Estudos Vascos pola Universidade de Nevada, en Reno (EUA).
"É unha distinción moi importante, tamén polo descoñecemento que hai do labor que fixo a mariña mercante para os aliados; e nela moitísima xente que proviña de diversas partes do Estado, pero sobre todo vascos e galegos", lembra a Praza.gal Oiarzabal, que centra os seus varios anos de investigación sobre o tema nos mariñeiros de orixe éuscara, pero que polo camiño atopou moitísimas referencias a persoas nadas en Galicia ou de familia galega.
Centos de buques mercantes e mariñeiros galegos "contribuíron de maneira excepcional á causa aliada" nun conflito no que milleiros de tripulantes faleceron
"Son moitos os galegos, centos ou milleiros, en maior número que os vascos", explica Oiarzabal sobre a súa presenza na mariña mercante dos EUA, que "contribúe de maneira excepcional á causa aliada", transportando tropas, armas ou subministros nunha época, lembra o historiador, na que "o 99% do transporte realizábase por mar".
Así, os buques comerciais militarízanse e póñense ás ordes do Estado Maior coa entrada dos Estados Unidos na Segunda Guerra Mundial. Alí, centos de galegos "arriscan a súa vida, consciente ou inconscientemente, sendo participantes moi activos no conflito".
Así fai tamén outro galego, Castor Cibeira, que emigrara en 1916 a Nova York. Mariñeiro, traballou en varios buques norteamericanos ata que se enrolou no SS Meriwether Lewis, barco que en 1943 saíu de Nova York cara ao Reino Unido co obxectivo final de chegar a Rusia cun cargamento de munición e pneumáticos. No Atlántico Norte, preto xa de Groenlandia, foi atacado por dous submariños alemáns que provocaron a explosión e o afundimento da embarcación e a desaparición no mar da tripulación, máis de 70 persoas.
En 1942, uns 500 buques foron afundidos ou danados polos nazis; en moitos deles había veteranos mariñeiros galegos que emigraran aos EUA anos antes
Aínda que xa sufriran danos antes, a declaración de guerra alemá aos EUA expuxo á mariña mercante á temible frota submariña nazi ou Unterseeboot (U-boats), sobre todo en 1942. Entre febreiro e maio dese ano, uns 175 barcos foron afundidos na costa leste norteamericana. Ao final dese ano, uns 500 buques foran afundidos ou danados, coa perda de 4.300 mariñeiros. A incorporación da Garda Armada e de artillería a bordo dos mercantes, ademais da escolta de destrutores ou portaavións, evitaron tantas catástrofes de alí en diante.
Non puideron evitar a morte Castor, Enrique, Marcelino e Antonio, só catro dos 29 mariños mercantes galegos falecidos a bordo dun barco baixo bandeira estadounidense e identificados nas investigacións que lidera Pedro J. Oiarzabal. Son máis da metade do total de mariñeiros achados e con orixes en España nestes traballos. Pero había moitos máis.
"Había moito mariño galego con longa experiencia, non era xente nova, senón curtida. Xente que levaba décadas xa emigrada nos EUA ou que o fixo despois da guerra civil española e que satisfacía a enorme necesidade de man de obra nos mercantes estadounidenses", explica o investigador vasco, que insiste en que o número de mariñeiros de Galicia con dereito á Medalla de Ouro que agora lles conceden é "imposible de calcular". Centos, milleiros... "Moitísimos". Todos, lembra, con gran experiencia na mar e procedentes, na súa maioría, de pequenas localidades da costa galega.
"Os galegos non eran xente nova, senón curtida; satisfacían a enorme necesidade de man de obra nos mercantes estadounidenses", di o investigador Oiarzabal
Nesta mínima listaxe aparecen José Cambeiro ou Manuel Luaces, ambos de Muros; Joaquín Cupeiro, de Ferrol; Ricardo Marino e José Segado, da Pobra do Caramiñal; Antonio Tizón e Andrés Núñez, tamén de Sada, este último falecido a bordo do SS Muskoge; Antonio Castro, da Estrada... E Víctor Otero Luaces, de 37 anos, embarcado no SS Otho, afundido por outro torpedo dun submariño alemán 200 millas ao leste de Cabo Henry, en Virxinia. Foi declarado "desaparecido en acción" e condecorado, como moitos outros galegos.
O meirande recoñecemento civil dos EUA
Agora, todos eles, e centos máis, serán recoñecidos polo Congreso como parte da mariña mercante, a gran esquecida. "Van conseguir por fin o recoñecemento público que merece", recoñece un responsable da American Merchant Mariner sobre un colectivo que obtivo para todos os seus membros, xa en 1988, o estatus de veteranos de guerra, unha distinción que outorga beneficios que poden ser reclamados por eles mesmos ou polos seus descendentes.
Coa Medalla de Ouro do Congreso uniranse a outros grupos que recibirion este recoñecemento nos últimos anos por servir na Segunda Guerra Mundial, como os Navajo Code Talkers –codificadores de orixe Navajo do Corpo de Marines–, os aviadores Tuskegee –afroamericanos–, os soldados Nisei, americanos de orixe xaponesa, ou os veteranos filipinos.
Este galardón é, xunto a Medalla Presidencial da Liberdade, o meirande premio civil nos EUA. Entre os galardoados, Rosa Parks, Neil Armstrong, Martin Luther King, Thomas A. Edison, a Cruz Vermella Americana ou George Washington.