A resolución rexeita que se vulnerase o dereito á integridade física do neno, de 7 anos, e considera que, pola contra, primouse "a protección do interese superior do menor en relación coa protección da súa saúde"
O Tribunal Constitucional pronunciou o pasado 11 de novembro unha sentenza publicada este xoves no BOE que avala a decisión dun xulgado de Lugo de autorizar a un pai a vacinar contra a COVID-19 o seu fillo de 7 anos, como recomendaban os médicos, contra o criterio da nai, que rexeitaba a vacinación. O Constitucional rexeita que a decisión xudicial vulnerase o dereito constitucional á integridade física e moral, como argumentaba a nai.
Segundo o relato dos feitos que contén a sentenza, na primavera de 2022 un pai solicitou a intervención xudicial ante o seu desacordo coa nai do fillo común, de 7 anos, para o exercicio da patria potestade compartida en relación coa vacinación ou non do menor fronte á COVID-19. O caso foi analizado polo xulgado de Primeira Instancia número 5 de Lugo e ante el a nai argumentou "a ausencia evidencia médica-científica que xustificara a inoculación dos medicamentos de terapia xénica para a COVID-19 en menores de idade, atendendo á gravidade da enfermidade en menores, onde a taxa de mortalidade e de hospitalización é moi baixa, e aos efectos adversos que pode levar aparellada a vacina, que poden ser moi superiores á ausencia de vacinación".
Fronte a eses argumentos o xulgado realizou "un xuízo de ponderación dos riscos e beneficios da vacina", no que "non se advirte contraindicación para non administrar a vacina", aprobada polas axencias estatal e europea do medicamento, "o que permite supoñer que se elaborou coas máximas garantías de calidade, seguridade e eficacia". Tamén tivo en conta "as recomendacións do pediatra do neno" para concluír atribuíndo ao pai a facultade de decidir sobre a vacinación do menor.
A nai recorreu ante a Audiencia Provincial de Lugo, que ratificou a resolución previa e salientou que o o obxecto da controversia non era decidir sobre a vacinación senón "atribuír a un dos dous proxenitores a facultade de decidir", para o que coincidiu co xulgado inicial na "inexistencia de risco" para o menor e na importancia dada ao informe do pediatra que recomendaba a vacinación.
A nai alegara ao Constitucional que se vulnerara o seu dereito á tutela xudicial en relación co dereito á integridade física, pero o tribunal rexéitao
Fronte a ese recorrido xudicial a nai interpuxo un recurso ante o Tribunal Constitucional alegando que se vulnerara o seu dereito á tutela xudicial en relación co dereito á integridade física. Porén, o alto tribunal recorre a outra sentenza previa por outro caso similar e desestima a petición da nai.
O Constitucional di que "a motivación das resolucións xudiciais tivo como fundamento esencial a protección do interese superior do menor en relación coa protección da súa saúde, tendo en conta a recomendación das autoridades sanitarias, que se amosaban a favor da vacinación de menores facendo unha ponderación de riscos e beneficios da vacina, que o órgano xudicial non estima desvirtuada polos informes obrantes".