O impacto da pandemia na saúde mental, a debate durante tres días nunha nova edición de 'Tempo da psicoloxía'

Os debates do 'Tempo da Psicoloxía' celebraranse entre o 22 e o 24 de febreiro © Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Desde este luns, e entre os días 22 e o 24 de febreiro, celebrarase a terceira edición de Tempo da Psicoloxía, a primeira en modalidade online, un proxecto organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) e a Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago (USC). Tres palestras sobre a pandemia do coronavirus e o impacto psicolóxico da COVID en tres ámbitos: as persoas maiores, a saúde mental e a infancia e mocidade.

A terceira edición de 'Tempo da Psicoloxía'  afonda no "impacto no plano psicolóxico de inéditas dimensións" que provoca a pandemia

A Facultade e o COPG advirten da "extraordinaria emerxencia sanitaria" e as súas consecuencias, que provocan "un impacto no plano psicolóxico de inéditas dimensións". "Afecta en distintos niveis e intensidade, sen que escape ningunha franxa de idade, tanto pola repercusión da enfermidade (falecementos, hospitalizacións, illamentos, corentenas...), como tamén polas consecuencias (distanciamento social, soidade, perdas económicas, medo ao contaxio, dificultade para os coidados e a conciliación, incerteza etc.)", din ambas institucións, que xustifican así que a edición deste ano de Tempo da Psicoloxía se centre na pandemia e na "análise dalgúns dos seus considerables efectos no plano psicolóxico".

Unha anciá, tras ser vacinada contra a COVID en Santiago CC-BY-SA Xunta

As tres conversas desta actividade divulgativa retransmiranse con acceso libre a través de ZOOM e sen necesidade de inscrición previa. A primeira das palestras será este luns 22 ás 19.30 horas. No coloquio Máis alá da resiliencia, o avellentamento asediado pola COVID participarán David Facal Mayo, coordinador do Máster en Psicoxerontoloxía e psicólogo na Unidade de Psicoxerontoloxía da USC; Encarna Otero Cepeda, historiadora, profesora e escritora; e Carlos Dosil Díaz, vogal da Xunta Directiva da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría. 

A mesa estará moderada pola xornalista Susana Rois e centrarase no "amplo e diverso colectivo das persoas maiores, que supera o 25% da poboación galega, que se converteu no que recibiu as consecuencias máis letais desta pandemia". O debate tratará de iri máis aló e "reflexionar sobre o noso propio modelo de sociedade e a atención a necesidades tan determinantes como a dependencia ou a soidade".

Xa o martes, á mesma hora, outro coloquio (Das ondas ao mar de fondo: A pegada psicolóxica do coronavirus) abordaranse os efectos na saúde mental, "xa en situación precaria e sque se viu agravada pola emerxencia sanitaria". Participará Yolanda Castro Casanova, presidenta da Asociación Psicólogos Clínicos do Sergas; Susana Aldecoa Landesa, presidenta da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria; e Julio Torrado Quintela, doutor en Psicoloxía Social e deputado no Parlamento de Galicia. A conversa estará moderada polo xornalista e director de Praza.gal, David Lombao.

Medición do nivel de CO2 nunha aula do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño © IES Antón Alonso Ríos

A última das actividades de acceso libre será o mércores 24 e tamén ás 19.30 horas. Nesta ocasión o debate xirará arredor da afectación da era pandémica á xente moza e á infancia, nun coloquio baixo o título A 'xeración covid’: medrar en tempos de pandemia. A xornalista e colaboradora de Praza.gal Ana G. Liste ocuparase de dirixir esta conversa, na que participarán Valentín Escudero Carranza, profesor de Psicoloxía na Universidade da Coruña; Ricardo Fandiño Pascual, psicólogo clínico e presidente de ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia); e Tamara Fernández Cores, alumna do Máster en Psicoloxía, especialidade en Psicoloxía da Intervención Social e Comunitaria, da USC.

O acceso é libre e gratuíto ata completar as 500 prazas dispoñibles, e farase a través da plataforma ZOOM mediante o enlace directo de acceso ou cos datos ID de seminario web 947 6611 6735.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.