Noutro Entroido máis, A Coruña volve ver como lixo, cartóns, bolsas e demais desperdicios se acumulan nos contedores de moitos barrios, que ven tamén como os fortes ventos do temporal esparexen sucidade polas beirarrúas. Como acontecera hai dous anos, os problemas chegaron nas vésperas dunha importante celebración coruñesa e, desta vez, pouco antes dunhas eleccións.
O STL e o seu líder están sendo investigados e as pescudas acusaron varios membros de de crear unha "rede criminal" que cobraba por traballar na limpeza
E todo volve apuntar ao mesmo sitio: o Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL) e o seu líder, Miguel Ángel Sánchez, investigado xudicialmente desde hai un ano por branqueo, estafa, corrupción, descubrimento e revelación de segredos e fraude á Seguridade Social. Nunha operación na que foran detidas varias persoas e na que a policía advertiu do uso desta central sindical para a creación dunha "rede criminal" que cobraba "mordidas" aos empregados. Unha organización que, segundo numerosos relatos, leva a cabo prácticas que "se poderían definir como mafiosas" e exerce unha enorme "presión" e "control" sobre as administracións e mesmo as empresas concesionarias a través de coaccións e ameazas.
Nesa perda de control sobre a contratación que durante anos exerceron o STL e o seu líder á hora de facer contratos nas empresas de recollida e de hixiene viaria está, segundo varias fontes, a clave deste último conflito do lixo na Coruña. O enésimo, que provoca que contedores de lixo leven días sen recoller en varios barrios.
Pero o STL, sindicato que é hexemónico no servizo de recollida, atribúe a acumulación de desperdicios á falta de persoal, nega que leve a cabo un paro encuberto e acusa a empresa de non cubrir as baixas. Prezero, compañía concesionaria, advirte dun absentismo laboral que chega ao 25% e de que se ve obrigada a reforzos polas mañás para apañar o lixo que non se recolle ás noites.
O preacordo alcanzado prevé "regularizar" a recollida de residuos logo duns dez días acumulándose lixo en varios barrios
A última hora do pasado domingo, a concesionaria e o persoal chegaron a un principio de acordo sobre as modificacións de horarios previstas, acordando non levalas a cabo, agás que haxa "cambios voluntarios", segundo a acta da reunión. Prezero pedirá voluntarios para o cambio de ata cinco persoas dentro da quenda da mañá, aos que se lles abonará un pago de 1.000 euros brutos así que se confirme a mudanza.
Desta maneira, preténdese "regularizar" a situación, logo de máis de dez días acumulándose lixo en moitos barrios da Coruña, no marco dunha nova protesta do persoal sobre as condicións laborais que diversas fontes din que vai moito máis aló e que volve sinalar o STL.
A alcaldesa, Inés Rey, fala dunha "folga encuberta" da que advertiu en varias ocasións o BNG, algo que nega o STL, hexemónico no servizo
Desde o Concello, a alcaldesa, Inés Rey, esixiu á concesionaria "que cumpra co recollido nos pregos" e que "garante que se preste un servizo esencial para a cidadanía". Tras o preacordo, advertiu de que "se tomarán medidas que se consideren oportunas para evitar estas situacións no futuro". No Entroido de hai dous anos, a rexedora acabou por decretar a emerxencia sanitaria e mobilizar a Tragsa. Antes houbera supostas avarías nos camións, sabotaxes, picadas nas rodas e queima de vehículos. Nesta semana, houbo percorridos que non se completaron. Tamén, presuntamente, por fallos mecánicos.
"Foron moitos días de folga encuberta, de non recoller o lixo, hai determinadas zonas que están nunha situación pois máis delicada e se atenderá en primeiro lugar eses lugares onde hai unha acumulación de lixo reiterada dos últimos días e agardo que, como digo, nas vindeiras horas ou días se proceda á regularización do servizo", dixo a alcaldesa.
Desde o BNG, o seu portavoz municipal, Francisco Jorquera, denunciou xa desde hai días a "folga encuberta" que di que está a levar a cabo o STL, tras advertir dos "incumprimentos reiterados na prestación de servizo por parte da concesionaria sen que o goberno local teña imposto as penalidades pertinentes".
O Bloque advirte de "prácticas chantaxistas" do STL a través de "folgas encubertas como presión para manter o control" sobre a contratación
O Bloque sinala "as prácticas chantaxistas dun determinado grupo que segue recorrendo á realización de folgas encubertas como mecanismo de presión para manter o seu control sobre os criterios de contratación do persoal e a súa promoción interna”.
Fontes do persoal de limpeza aseguran, malia as diferenzas laborais, que a causa do conflito está no intento de Miguel Ángel Sánchez, coa axuda dos seus aliados no STL, en volver ter o control das contratacións temporais en Prezero, unha das prácticas coas que, segundo a investigación policial, lle permitiu lucrarse e alcanzar un elevado nivel de vida. "A empresa, desta vez, fíxolle fronte e quitoulle o control que antes tiña; perdeu moito poder e o manexo das contratacións e tamén ingresos; o que fai é meter presión para volver telo", explican as mesmas fontes. Todo a custa de encher unha cidade de lixo en pleno Entroido e a poucos días dunhas eleccións. "Así funcionou sempre e así segue a funcionar; non é fácil para ningún cargo público aturar isto e esta xente sábeo", engaden.
Cobro de "mordidas"
Malia a investigación xudicial aberta, as acusacións policiais e as condicións do contrato da concesionaria que sacou das mans do STL o control das contratacións, as mesmas fontes aseguran que Sánchez segue a cobrar "mordidas" a persoal e a xente pendente de entrar a traballar. "Claro que o fan, por medo ou porque hainos que seguen pensando que se non pagan non van conseguir o choio", din. Fano persoas vinculadas á empresa de recollida pero tamén á UTE que se encarga da limpeza viaria. "Pagan por se acaso; teñen temor ao que hai montado", insisten.
"Ten moita xente de man; hai moitos traballadores que apoian a Sánchez totalmente", explican, advertindo do "control" que exerce o líder do STL entre o persoal, ao igual que o sindicato na representación laboral. O poder é evidente indo aos datos: nas eleccións sindicais da UTE da limpeza viaria, en 2020, o STL obtivo oito dos nove delegados e 181 votos fronte aos 28 da CIG. Nas celebradas hai pouco en Prezero, onde o STL tiña 12 dos 13 delegados, o seu dominio pasou a ser xa hexemónico. Todos os delegados pertencen á central que está no foco das investigacións xudiciais. "É moi difícil convencer xente para que se meta nunha candidatura", revelan as mesmas fontes.
Non é o primeiro conflito grave co lixo na Coruña vinculado ao STL, tal e como lembraban fontes municipais e das concesionarias a Praza.gal hai agora un ano. Hóuboo en 2017, coa Marea Atlántica no poder, ou en 2013, cando Carlos Negreira (PP) era o alcalde. Xa en 2009, con Javier Losada (PSdeG) na alcaldía, Cespa (Ferrovial) despediu a Miguel Ángel Sánchez, o que provocou protestas de moitos traballadores e ameazas de paro. Acabou por ser readmitido na empresa logo doutro conflito. Un máis.