Os últimos datos actualizados sobre a epidemia de coronavirus, difundidos pola Consellería de Sanidade este mediodía, amosan unha continuidade nas tendencias dos últimos días. Nestes momentos hai en Galicia 5.833 casos activos, 86 máis ca onte (+1,5%) e foron xa dadas de alta 1.143 persoas, 61 máis que o sábado. Segue a aumentar a cifra de mortes, con 13 novos falecementos, que elevan o rexistro total ata as 360.
No que atinxe ás residencias de maiores e centros de atención á discapacidade, o número de casos activos pasou de 1.285 a 1.327, un incremento de 42 positivos que representan case a metade do aumento para o conxunto de Galicia. O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 3,7% do total das persoas residentes, indica a Consellería de Sanidade. Porén, o número total de falecementos producidos nestes centros é xa de 154, o 42,7% de todas as mortes causadas polo coronavirus no país.
Mantense tendencia positiva nas UCI, cun novo descenso no número de persoas con coronavirus ingresadas nestas unidades. Este domingo son 140, tres menos ca onte, o que significa a cifra máis baixa dende o pasado 30 de marzo. Increméntase, no entanto, a cantidade de persoas ingresadas noutras unidades hospitalarias, rachando a tendencia á baixa da última semana.
Galicia realizou dende o inicio da crise un total de 43.992 probas para a detección do coronavirus, das que a maior parte resultou negativa. De igual xeito, as boas novas chegan tamén a través do número reprodutivo básico, que informa da capacidade do virus para estenderse. Este indicador segue descendendo, situándose xa no 0,67, por debaixo da media do conxunto do Estado (0,8).
Aínda que nas últimas 24 horas medrou o número de persoas hospitalizadas, a inmensa maioría dos casos activos de coronavirus permancen nos seus domicilios con síntomas leves ou sen síntomas. Son un total de 4.951 persoas en illamento domiciliario, máis do 85% do total.
Áreas sanitarias
Do número total de casos activos, 1.228 son da área da Coruña, 591 da de Lugo, 1.154 da de Ourense, 482 da de Pontevedra, 1.078 da área de Vigo, 973 da de Santiago, e 327 da de Ferrol. Nas últimas 24 horas A Coruña foi a área que máis aumentou, pero Ourense segue a ser a que presenta unha maior incidencia da enfermidade.