O pedrazo cébase na Ribeira Sacra e arruína a colleita dos viñedos en San Fiz

Viñedos de San Fiz, en Chantada, afectados polo pedrazo © Canle Ribeira Sacra

"Estamos desolados, é o traballo dun ano", resumían desde Adega Ribada as consecuencias do pedrazo caído na forte treboada que na tarde deste mércores afectou a Ribeira Sacra, especialmente á parroquia de San Fiz, en Chantada. 

O pedrazo concentrouse na zona de viñedos de San Fiz, parroquia con 225 hectáreas, dous terzos delas "destruídas" segundo as adegas

Esa foi a zona cero dunha sarabiada que será lembrada pola súa dureza e por caer, fundamentalmente, concentrada na zona dos viñedos dunha parroquia que acumula 225 hectáreas. Dous terzos delas foron "destruídas", segundo conta Manuel Calvo, propietario da Adega Ribada, unha das catro afectadas, ademais de particulares que complementan coa actividade viticultora a súa economía, ademais das hortas que moitas casas teñen e que empregan para o autoconsumo ou como merendeiros. 

"A sarabia fixo a vendima pola súa conta; os viñedos de San Fiz e do Castro da Ribada perderon o 100% da colleita; o pedrazo estivo por toda a ribeira, pero a zona de San Fizo foi a realmente afectada", explicaban desde a adega Vía Romana. 

"A sarabia fixo a vendima pola súa conta; os viñedos de San Fiz e do Castro da Ribada perderon o 100% da colleita", explica a adega Vía Romana

"Afectou a moita xente e empresas; cos viñedos sobre os que caeu o pedrazo máis forte non hai nada que facer para este ano, no que se perdeu toda a colleita, que ademais ía ser boa", conta Calvo, que aclara que agora haberá que "tratar as cepas e curalas para que non se estrague tamén a colleita do ano que vén". "Pode que vexamos algún acio que parece salvado, pero podrecerá en catro ou cinco días", advirte. 

En total, calcula, entre 150 e 170 hectáreas foron esnaquizadas por unha sarabiada que o propietario da Adega Ribada viviu "en directo". Chegou á empresa, no medio dos viñedos, quince minutos antes de que caese. "Foi moi intensa e os datos falan de 88 litros por metro cúbico en 15 minutos, pero iso no lugar onde se fan as medicións, non no epicentro, onde foi aínda maior", destaca sobre un fenómeno que "semella que foi parado polo río": "Do outro lado do Miño non afectou nada". 

Entre 150 e 170 hectáreas de viñedos perderon o 100% da colleita deste ano

Manuel Calvo explica que o pedrazo máis duro caeu, xustamente, sobre "a milla de ouro de Chantada", unha zona de viñedos "moi ben comunicada e cunhas condicións ideais". "Aquí non hai nin unha viña abandonada, as que non son das adegas son de veciñanza que leva as uvas para facer o viño na casa", explica. 

Desde o Consello Regulador da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra reducen algo o impacto, pero aseguran que o pedrazo "arrasou" os viñedos nun 100% nun total de 70 hectáreas e outras "entre un 10 e un 30%"

Sarabiada en San Fiz, Chantada, o 16 de xuño de 2021 © Adega Ribada

Para facerse unha idea do dano, Manuel Calvo dá un dato: os 9.500 quilos de uva de rendemento máximo que unha hectárea supón na Ribeira Sacra. "É imposible, polo momento, facer un cálculo sobre a perda económica que supón isto, pero loxicamente é moi importante", explica quen insiste en que nin tan sequera pode "consolarse" cos acios que parecen salvados. "Perdémolo todo porque eses sen folla non maduran e en poucos días podrecen", remata tras explicar o "bonitos" que estaban os viñedos ante unha colleita que se agardaba "moi boa" neste 2021. 

A treboada causou importantes incidencias nas provincias de Lugo e Ourense, complicando tamén a circulación na zona de San Fiz e obrigando a policía local a cortar o corredor que conecta Chantada con Monforte pola acumulación de xeo tras os 15 minutos de forte torbón. 

Durante a xornada do mércores caeron perto de 2.300 raios, especialmente entre as 14 e as 18 horas, concentrándose sobre todo no sur da provincia de Lugo e no norte da de Ourense. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.