"O problema de Vox non son os votos que teña senón que abriu a porta a ideas como que o aborto non é un dereito"

Joaquín Urías © CCG

Cal é a calidade da democracia en España? O ciclo Pensarmos da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega regresou este xoves cunha charla de Joaquín Urías, profesor de Dereito Constitucional da Universidad de Sevilla, que reflexionou sobre este e outros temas en conversa con Celia Pereira Porto académica correspondente da Real Academia Galega e coordinadora da Sección de Pensamento do CCG.

"Estamos sufrindo un retroceso moi grave en dereitos que empezou hai unha década con cousas coma a Lei Mordaza e coa represión de movementos sociais e de iniciativas populares e que se endureceu co conflito catalán"

Urías é profesor de Dereito Constitucional na Universidade de Sevilla. Foi letrado do Tribunal Constitucional entre 2004 e 2010 e dirixiu o proxecto EURALIUS da Unión Europea para a reforma do sistema xudicial de Albania. Publicou seis libros sobre xustiza constitucional e liberdade de expresión. Ademais, desenvolveu, en paralelo, unha carreira como activista social e a prol dos dereitos humanos, traballado con refuxiados en campos da antiga Iugoslavia e na illa de Lesbos, así como en asentamentos chabolistas en España.

O ciclo Pensarmos comezou en xaneiro de 2019 e dende entón buscou abordar os problemas da actualidad en debates e charlas coma a deste xoves que trataron a posverdade, os fascismos dixitais, a precarización da vida ou a perda de liberdades.

Sede do Consello da Cultura Galega © CCG

Que nivel de calidade democrática temos en España? Decreceu esta nos últimos anos? Cales son os principais riscos aos que sen enfronta neste momento?

"A proliferación de noticias falsas nas redes sociais supón un risco grave no sentido de que a cidadanía non ten acceso á información veraz sobre como actúan os políticos"

O que se denomina habitualmente como 'calidade democrática' é difícil de medir. O que é evidente é que a democracia é unha aspiración social, a aspiración de que cada un sexa dono do seu propio futuro, e iso cúmprese con distintos graos en cada sociedade. Neste momento en España estamos ante distintas cuestións que son inquietantes. Por unha banda estamos sufrindo un retroceso moi grave en dereitos que empezou hai unha década con cousas coma a Lei Mordaza e coa represión de movementos sociais e de iniciativas populares e que se endureceu co conflito catalán. Houbo un retroceso importante no que atinxe ao espazo que a cidadanía ten para exercer dereitos fundamentais, sobre todo o dereito á protesta. 

En segundo lugar, temos problemas a nivel electoral, porque á hora de votar é necesario que os cidadáns teñan información sobre a actuación dos poderes públicos e aí a proliferación de noticias falsas nas redes sociais supón un risco grave no sentido de que a cidadanía non ten acceso á información veraz sobre como actúan os políticos. E, ademais, freáronse todas as iniciativas que había para fomentar a participación popular; hai uns anos, ao abeiro do 15M floreceron ideas de mecanismos orzamentarios participativos e iniciativas de autoxestión e moito diso ten desaparecido.

E como afecta o problema que está a sufrir o sector xudicial coa súa politicación e o bloqueo do PP á renovación dos seus órganos?

"Dende hai máis de 40 anos o PP e os seus antecesores teñen maioría no Consello Xeral do Poder Xudicial, que controla, á súa vez, o Supremo, e o PP non quere perder este control"

O problema da xustiza é que o que garante que os dereitos fundamentais funcionen é que haxa un poder xudicial independente e dedicado a protexer estes dereitos. O problema grave que temos en España é que a cúpula do Tribunal Supremo é elixida a dedo por un órgano político como é o Consello Xeral do Poder Xudicial e, de igual xeito, no Tribunal Constitucional predominan os xuristas entregados a un partido político, polo que en vez de defender os dereitos están a defender o poder e os intereses dos partidos que os nomearon.

Que persegue o PP con este bloqueo?

O que hai que ter moi claro é que dende hai máis de 40 anos o Partido Popular e os seus antecesores teñen a maioría no Consello Xeral do Poder Xudicial. Sempre controlaron este órgano que controla, á súa vez, o Tribunal Supremo, e o que o PP non quere perder é o control que exerce sobre o Tribunal Supremo. É verdade que o Goberno aprobou unha lei que impide que o Goberno do Consello en funcións poida facer nomeamentos pero iso ao PP dálle igual; o que lle preocupa ao PP é que o PSOE non faga estes nomeamentos para que cando o PP volva ter maioría poida volver ao que eles consideran que é natural: que os xuíces do Tribunal Supremo sexan nomeados co seu voto. Polo tanto, a súa estratexia é clara: bloquear todos os procesos de renovación para manter o control e porque eles mesmos lles deben favores a moitos xuíces.

Joaquín Urías © Canal Sur

O actual Goberno do Estado fixo o necesario nesta lexislatura para solucionar os problemas de calidade democrática que sofre España?

"Na derrogación da Lei Mordaza ou a loita contra as noticias falsas o Goberno non tomou como prioridade a defensa dos dereitos fundamentais"

O Goberno actual non afrontou os problemas que tiña que afrontar nestas cuestións. A súa prioridade non foi a de recuperar calidade democrática. Hai temas coma o da politización da xustiza que se lle escapan porque non estaban na súa man, pero hai outros coma a derrogación da Lei Mordaza ou a loita contra as noticias falsas nas que o Goberno non tomou como prioridade a defensa dos dereitos fundamentais. Estiveron moi preocupados de crear alianzas parlamentarias e tamén, é certo, de determinadas cuestións sociais que son importantes, pero non de avanzar en materia de liberdades públicas e democracia.

O problema da ultradeita é Vox ou é, sobre todo, a axenda de temas que Vox introduce no debate público e que é recollido por partidos coma o PP?

"O gran problema de Vox non é Vox, o gran problema é que Vox permitiu que no debate público en España entren temas que estaban fóra e que se poñan en dúbida conquistas que non se poñían en dúbida"

Si, o gran problema de Vox non é Vox, o gran problema é que Vox permitiu que no debate público en España entren temas que estaban fóra e que se poñan en dúbida conquistas que non se poñían en dúbida. O problema de VOX non son os votos que teña este partido senón o feito de abrir a porta a ideas como que o aborto non é un dereito, que os inmigrantes non son persoas e non teñen dereito a asistencia mínima por parte do Estado, que o feminismo é unha doutrina falsa... 

O dano de Vox non se mide en votos, senón no cambio da opinión pública, pois temos unha opinión pública moito menos democrática que hai dez anos por culpa de Vox. Agora calquera partido e a propia cidadanía na rúa vese con dereito a recortar dereitos e a cuestionar ideas que ata hai pouco eran intocables. E ese é un risco grave para a democracia.

Está a sociedade española pouco mobilizada neste momento? É este un problema para a democracia?

"Temos unha sociedade moi polarizada na que as mobilizacións que hai non son pola defensa dos dereitos, senón mobilizacións nas que cada un defende o seu espazo e hai poucas baseadas en grandes valores, o que fai máis débil a sociedade"

A sociedade mobilízase periodicamente pero non se mobiliza permanentemente. Nós eliximos políticos para que tomen decisións e a sociedade non pode estar xestionando o país, porque a xente ten que preocuparse doutras cousas no seu día a día. O ideal dunha sociedade continuamente mobilizada é imposible pero é verdade que mobilizacións puntuais como o 15M contribúen e incrementar os valores da democracia. 

Nos últimos tempos o que temos é unha sociedade moi polarizada na que as mobilizacións que hai non son mobilizacións claras pola defensa dos dereitos, senón que son mobilizacións nas que cada un defende o seu espazo e hai poucas mobilización baseadas en grandes valores, o que fai máis débil a sociedade. Unha sociedade que non se mobiliza pode ser manipulada máis facilmente tanto polos medios coma polos políticos e tolera peor os recortes democráticos. Non sei se isto cambiará proximamente pero é evidente que agora estamos nesta fase.

E como é a calidade do debate público? Decreceu nos últimos anos por mor da polarización política?

"Estamos vivindo unha sociedade burbulla na que cada un escoita o que quere oír e só dialoga con xente que pensa coma un mesmo"

Sempre se mira cara atrás pensando que os tempos pasado foron mellores, pero o que si é certo é que a polarización da sociedade impide que os debates cheguen a todo o mundo. Estamos vivindo unha sociedade burbulla na que cada un escoita o que quere oír e só dialoga con xente que pensa coma un mesmo e non vai máis aló. Debates hai, pero o importante é que neles participen persoas con ideas distintas, iso é o que se está perdendo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.