Orgullo LGTBI: "Lalín volve ser a capital do Estado en igualdade e liberdade"

Presentación da IV Edición da Festa do Orgullo de Lalín © Concello de Lalín

Os días 3 e 4 de maio Lalín acollerá a IV Edición da Festa do Orgullo LGTBI, un evento que comezou a celebrarse no ano 2016 e que conta coa colaboración na súa organización de colectivos de toda Galicia. Na programación destaca a cuarta edición do Seminario de Educación Afectivo-Sexual e o pregón, que este ano correrá da man de Mª Carmen Fernández Morante, decana da Facultade de Educación da USC. 

Fernández Morante é co-autora do Protocolo Educativo de Identidade de Xénero (elaborado pola Consellería de Educación e ARELAS), e participa no proxecto “Sorrisos Transformadores” de ARELAS e a Deputación de Pontevedra. Firme defensora da diversidade como un valor a respectar dentro do ámbito educativo, colabora con ARELAS desde 2016 e nas actividades educativas do Orgullo de Lalín dende o seu inicio.

"Lalín volve ser a capital do Estado Español en igualdade e liberdade", destacouse

Na presentación, que tivo lugar este venres, participaron o alcalde, Rafael Cuíña, as concelleiras, Celia Alonso e María Jesús Sánchez, o tenente de alcalde, Nicolás González Casares, a concelleira de Cultura, Lara Rodríguez e o edil de Rural, Miguel Medela. Tamén estiveron os técnicos de Igualdade Susi Payo e Celso Taboada, xunto con Susana Milnes (Colectivo LESCoruña), Cristian Garza (Casco Coruña), Enfant Bello, mestre cerimonial do Orgullo de Lalín, e José Rojas, artista do grupo Strazz.

"Lalín volve ser a capital do Estado Español en igualdade e liberdade", destacouse, sinalando que o Orgullo da localidade é o que anticipa as celebracións que entre maio e xuño se celebran en toda España.

Cartel do programa de actividades da Festa do Orgullo de Lalín © Concello de Lalín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.