A quinta vaga da pandemia da COVID comeza a descender en Galicia. Leva fácendoo dende os últimos días do mes de xullo, momento en que acadou o seu pico, aínda que as cifras de novos positivos detectados cada día continúan a ser moi elevadas. Este descenso, que é xeneralizado en case todo o país, non se dá aínda na área sanitaria da Coruña e na propia cidade herculina, onde o número de contaxios rexistrados nas cifras oficiais segue a aumentar.
A media de novos positivos diarios nos últimos 7 días -986,43- cae por debaixo dos mil por primeira vez dende o 16 de xullo
Este luns o Sergas informa de 811 novos positivos, por debaixo dos 939 notificados o pasado luns e dos 1.115 do luns anterior. Deles, 798 corresponden a casos diagnosticados por proba PCR nas últimas 24 horas. A media de novos positivos diarios nos últimos 7 días -986,43- cae por debaixo dos mil por primeira vez dende o 16 de xullo.
Na última semana 29 persoas con COVID morreron en Galicia, os datos máis elevados dende os primeiros días de marzo
O elevado número de contaxios rexistrados nesta quinta onda da pandemia, con cifras que se aproximaron moito aos da terceira vaga do pasado mes de xaneiro, non se traduciu en ningún momento nun elevado número de falecementos. A razón estivo no avance do proceso de vacinación, que xa protexe a unha porcentaxe moi ampla da poboación (por riba do 70%) e á práctica totalidade das persoas máis vulnerables.
Con todo, nos últimos días o incremento no número de positivos (ao redor de 33 mil nos últimos 30 días) levou a un aumento tamén nas cifras de mortes. Na última semana 29 persoas con COVID morreron en Galicia, os datos máis elevados dende os primeiros días de marzo.
A Incidencia Acumulada en Galicia comezou a desceder nos últimos días. A IA a 14 días sitúase nos 563,94 casos por cada 100.000 habitantes, despois de ter acadado os 643,90 o pasado 28 de xullo. A IA a 7 días, máis precisa para amosar os cambios de tendencia, está en 256,86 casos, enlazando xa 13 días de descensos.
A mellora prodúcese en todas as áreas sanitarias, especialmente naquelas que acadaran uns peores datos nas últimas semanas de xullo, como Ourense e Pontevedra. A excepción é a área da Coruña
A mellora prodúcese en todas as áreas sanitarias, especialmente naquelas que acadaran uns peores datos nas últimas semanas de xullo, como Ourense e Pontevedra. A excepción é a área da Coruña, que continúa en ascenso, convertida na zona con peores datos de toda Galicia, cunha IA a 7 días que rolda os 400 casos por cada 100.000 habitantes. A IA a 14 días rolda os 731 casos. Tamén a área sanitaria de Ferrol agarda aínda pola mellora, cos seus datos estabilizados nos últimos días.
O maior número de contaxios por habitantes dáse en Alfoz, Fisterra, O Grove, A Capela, Cee, Monterrei e Sanxenxo
O mapa por concellos da IA acumulada dos últimos 14 días amosa un maior número de contaxios nas zonas costeiras, especialmente na comarca da Coruña e na Mariña e no Salnés, o Morrazo e o Baixo Miño, aínda que tamén algún concello interior rexistra datos elevados. O maior número de contaxios por habitantes dáse en Alfoz, Fisterra, O Grove, A Capela, Cee, Monterrei e Sanxenxo, todos por riba dos mil casos por cada 100.000 habitantes. Vilas como Viveiro, Burela ou Sada tamén se achegan a ese indicador.
En total, tan só 31 concellos non tiveron ningún positivo de COVID nos últimos 14 días e 62 localidades non tiveron contaxios rexistrados nos últimos 7 días.
Tan só 31 concellos non tiveron ningún positivo de COVID nos últimos 14 días
En canto ás cidades, destaca a mala situación da Coruña, cunha IA a 14 días por riba dos 821 casos por cada 100.000 habitantes. É a única urbe que empeora os seus indicadores, con datos á baixa nas restantes cidades, que xa se sitúan por debaixo.
Finalmente, o número de persoas hospitalizadas por COVID semella ter freado a súa tendencia ascendente. Nestes momentos hai 55 camas ocupadas nas UCI e 286 noutras unidades de hospitalización, cifras moi semellantes ás do pasado luns.