Un dos edificios do Hospital Marítimo de Oza sofre dende hai anos importantes filtracións de auga, debido á "piscina" que se forma no teito plano nos meses de chuvia
O Hospital Marítimo de Oza é un dos centros que integran o CHUAC (Complexo Hospitalario Universitario da Coruña). Integrado en 1990 no Sergas, o seu actual edificio foi construído entre 1993 e 1995 seguindo un proxecto dos arquitectos Andrés Reboredo e Albert de Pineda, que idearon unha fermosa estrutura alongada, de 135 metros e elevada sobre o chan. A este volume principal engadíuselle unha segunda estrutura anexa que serve de acceso e na que se sitúa o servizo de rehabilitación e fisioterapia do hospital coruñés.
Este edificio anexo sofre dende hai anos importantes filtracións de auga, denunciadas en varias ocasións por persoal do Hospital de Oza, que despois de numerosas reclamacións a nivel interno advirte agora publicamente da situación.
O inmoble na que se sitúa a área de rehabilitación e fisioterapia ten un tellado plano, a xeito de azotea, onde nos períodos de chuvia -especialmente entre os meses de novembro e abril- se acumula a auga "formando unha piscina". Esta auga posteriormente fíltrase a través da estrutura de formigón, que aparentemente presenta importantes eivas de illamento e de impermeabilización.
Estes problemas afectan sobre todo ás consultas de fisioterapia e á área de tratamento, que "durante os meses de inverno están cubertas de sabas, empapadores e cubos de auga"
En consecuencia, a auga cae en forma de pingueiras dentro das áreas de traballo de fisioterapia, nas zonas de consulta e xestión, as zonas de tránsito dos pacientes e a sala de espera. En ocasións as acumulacións de auga no teito teñen producido mesmo o desprendemento dun panel interior do teito da sala de espera, que caeu ao chan sen producir danos persoais, grazas a que a área en risco estaba previamente sinalizada.
Estes problemas afectan sobre todo ás consultas de fisioterapia e á área de tratamento, que "durante os meses de inverno están cubertas de sabas, empapadores e cubos de auga", explica unha das traballadoras en conversa con Praza.gal, coas consecuentes incomodidades para persoal e pacientes. En ocasión as consultas e tratamentos deben desprazarse a outras localizacións e, de igual xeito, doentes e traballadores deben evitar os cubos colocados no chan para recoller a auga das pingueiras: "os cubos están en zonas de tránsito e os pacientes os esquivan".
O persoal destaca que a situación non provoca máis prexuízos "pola nosa boa fe, pois non nos importa ir movéndonos a outras localizacións, pois doutro xeito os pacientes quedarían sen atención"
"Non queremos dicir que sexa un problema extremo, pero non é agradable traballar desta maneira", explica a traballadora, que salienta que a situación non provoca máis prexuízos "pola nosa boa fe, pois non nos importa ir movéndonos a outras localizacións, pois doutro xeito os pacientes quedarían sen atención".
A situación leva anos sendo advertida ante Veolia, empresa á que está subcontratada o mantemento das instalacións. Porén, o único que os traballadores de Veolia poden facer son actuacións puntuais para limitar os efectos das pingueiras. "Cando chove e hai pingueiras, pois pon un plástico, un cubo e unha sinalización de non pasar", explica a traballadora, que destaca que na empresa de mantemento son os primeiros que están "fartos da situación".
"Estamos cansos. Cada vez que protestamos veñen arranxar o teito, pero son só parches. Queremos unha solución", sinala o persoal denunciante
Hai dous anos o persoal tamén comunicou a situación á Xerencia do Hospital, que de inmediato enviou un servizo de mantemento que se encargou de lixar e pintar e quitar os cubos. "Pero estes son, unicamente, parches que non solucionan o problema", critica. Esta mesma semana, ante unha nova denuncia do persoal (aos problemas das filtracións engadíranse outras eivas na calefacción e tamén na piscina, que presentaba un cheiro desagradable), Medicina Preventiva revisou as instalacións e fixo fotografías dos problemas.
"Estamos cansos. Cada vez que protestamos veñen arranxar o teito, pero son só parches. Queremos unha solución", sinala o persoal denunciante, que di ser consciente de que a solución real ás filtracións "require un grande investimento" que posiblemente neste momento non é a prioridade, cos ollos postos no novo CHUAC. Porén, reclaman "cando menos algunha reparación que sexa algo máis que poñer plásticos e cubos".