Profesionais do Dereito reclaman que a xestión da crise sanitaria non anule os dereitos democráticos

Edificio dos xulgados de Bande CC-BY-SA La fabrica de nubes

Máis de 100 profesionais do Dereito asinan e difunden un manifesto que busca abrir un debate público sobre a necesidade de protexer os dereitos fundamentais e as liberdades públicas tamén en tempos de pandemia "ou, sobre todo, en tempos coma estes", destacan. O escrito, titulado 'Os dereitos da persoa tamén son para as pandemias' está apoiado por catedráticas/os e profesorado de distintas universidades de todo o estado, profesionais da avogacía, graduados sociais e integrantes de asociacións de defensa dos dereitos fundamentais. 

"Para que saiamos desta crise sanitaria máis reforzados como sociedade e como democracia, o virus non debe infectar a integridade e plena efectividade dos nosos valores fundamentais", destaca o manifesto

Este manifesto "por unha xestión da crise sanitaria da COVID-19 democrática e con dereitos" subliña que "para que saiamos desta crise sanitaria máis reforzados como sociedade e como democracia, o virus non debe infectar a integridade e plena efectividade dos nosos valores fundamentais". O escrito, publicado nas catro linguas oficiais do Estado, apela aos poderes públicos "para que garantan, sen arbitrariedades -proscritas polo artigo 9.3 da Constitución-, o exercicio dos dereitos fundamentais e liberdades públicas, que non foron suspendidos polo actual estado de alarma". 

O escrito chama a atención sobre "unha actividade sancionadora masiva e centralizada, que parece transformar un problema sanitario nun de orde pública, xunto co uso expansivo das habilitacións legais que fan irrecoñecíbeis os dereitos". E considera urxente "unha chamada de atención" e a apertura dun debate social e público "sobre unha deriva, como mínimo, pouco respectuosa cos principios democráticos".

Imaxe dun control policial nunha estrada © Policía Nacional

O escrito considera urxente "unha chamada de atención" e a apertura dun debate social e público "sobre unha deriva, como mínimo, pouco respectuosa cos principios democráticos"

Refírese, por exemplo, aos dereitos de manifestación e reunión ou á limitación da liberdade de expresión. Por exemplo, o pasado 1º de maio o Tribunal Constitucional avalou a decisión da Subdelegación do Goberno de prohibir a manifestación sindicato CUT. E, de novo esta semana, algunhas das manifestacións impulsadas por VOX tampouco foron autorizadas (aínda que si se permitirán en moitas das provincias nas que as marchas foran convocadas).

"O poder xudicial e o Tribunal Constitucional teñen a responsabilidade de realizar un control destas actuacións que garanta o exercicio real dos principios e dereitos constitucionais", din, sinalando que "é indiscutíbel a necesidade de protexer a saúde pública, pero, ao mesmo tempo, deben velar porque estas actuacións non vaian máis alá do estritamente necesario para preservar a vida das persoas e a súa integridade física, e respecten os dereitos fundamentais e liberdades públicas, eixos básicos dun estado democrático".

Os e as asinantes subliñan o seu "malestar, temor e preocupación polos inxustificados recortes e retrocesos que a xestión desta crise sanitaria está supoñendo para os dereitos e liberdades e, nomeadamente, para os dereitos fundamentais". E destacan que "un sistema democrático debe sempre fuxir da tentación de tomar atallos que, no nome da eficacia, poñan en risco a esencia mesma da democracia, da que os dereitos fundamentais e liberdades públicas son un piar imprescindíbel".

Os e as asinantes subliñan o seu "malestar, temor e preocupación polos inxustificados recortes e retrocesos que a xestión desta crise sanitaria está supoñendo para os dereitos e liberdades e, nomeadamente, para os dereitos fundamentais"

Os e as asinantes din ser conscientes "de que este necesario diálogo está viciado, na actualidade, por quen pretende disfrazar de debate sobre o exercicio dos dereitos unha simple vocación de liberdade absoluta, e extremadamente individualista, que non compartimos en ningún caso". "Sabemos que os dereitos non son absolutos e que estamos ante un momento complexo, pero é precisamente polo delicado do momento, polo que debemos extremar o celo na preservación da garantía do exercicio dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas, peza básica nun estado que se pretenda democrático", destacan.

Por último apelan á cidadanía, que "debe ser consciente da importancia da súa defensa, do alto custe -colectivo e individual de moitas persoas que, mesmo, deixaron a vida nisto-, que ten tido poder conseguilos e a transcendencia que teñen para as súas vidas, para o día a día, desde o dereito á tutela xudicial efectiva até o dereito a opinar de forma libre".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.