Secretario da CIG en Ourense durante 25 anos, foi candidato de Ourense Mellor nas pasadas municipais, nas que seguiu facendo campaña desde o hospital
Dez días antes das eleccións municipais do pasado 26 de maio Etelvino Blanco emitía un comunicado para deixar claro que incluso no hospital, el seguía a loitar polo que consideraba xusto para a sociedade ourensá. “Estes días véxome obrigado, moi ao meu pesar, a facer campaña dende a residencia. Aproveitarei para falar, como teño feito en moitas ocasións, con todo persoal do hospital e os pacientes, moitos deles veciños e veciñas da nosa cidade”. Esa faceta, a de candidato ás eleccións municipais por Ourense Mellor, foi a última de Blanco, sindicalista con todo tipo de loitas ás súas costas que faleceu a última hora da tarde deste xoves aos 64 anos.
As súas loitas foron máis alá do laboral e a súa figura podía verse tras cada pancarta ou en cada concentración que defendese algo que el considerase xusto
Nacido en Señorín, O Carballiño, foi secretario da CIG en Ourense durante 25 anos. Pero antes e despois as súas loitas foron máis alá do laboral e a súa figura podía verse tras cada pancarta ou en cada concentración que defendese algo que el considerase xusto. "Nacemos da pelexa, e 40 anos despois seguimos nela, neste momento co obxectivo de derrubar as contrarreformas antiobreiras e antisociais”, dicía en 2017, na asemblela na que foi substituído á fronte da CIG, homenaxe tamén aos seus anos de loita.
Pai xunto coa súa dona Carmen de Noela, deputada do PSdeG no Parlamento galego, tras coñecerse o seu falecemento veñen sendo numerosas as mostras de dor de todo o espectro político, desde o actual alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (“abandónanos dun xeito inxusto: loitador, sempre o deches todo”), ata o anterior, o popular Jesús Vázquez (“unha boa persoa, comprometida e leal sempre aos seus ideais”), pasando polo PSdeG da súa filla (“un home honesto e traballador, referente na defensa dos dereitos das persoas e na defensa de Ourense”). A CIG, o seu sindicato, lembrouno cun "Compañeiro Etelvino, a loita continúa".