Con 45 minutos de duración, producido por Nós Televisión e dirixido e realizado por Xosé Bocixa, o vídeo repasa todas as iniciativas nas que participou activamente ao longo da súa traxectoria política e social
O pasado 15 de decembro finou Manoel Vello Salvado, Manolo de Mesía, despois de pelexar durante máis de dúas décadas cunha enfermidade de ril. Militante galeguista e en múltiples movementos sociais, levou a cabo un intenso labor activista a prol da lingua (por exemplo, promovendo a etiquetaxe en galego ou a aprobación da ILP da Lei Paz Andrade), da cultura galega en xeral, tanto no ámbito editorial como a través da música e que colaborou na Plataforma Nunca Máis, o sindicalismo no sector da banca ou na denuncia dos enterramentos ilegais de vacas tolas no seu concello.
Unha ducia de compañeiros da política, do sindicalismo, do asociacionismo e familiares repasan todas as facetas da súa vida
Foi concelleiro polo BNG en Mesía e, nos últimos anos, foi dirixente de Compromiso por Galicia. Foi ademais cristián de base, sendo sancristán na súa parroquia de Xanceda e participando no movemento Irimia por unha igrexa galega e progresista
A súa morte provocou un grande impacto en moitos lugares do do país e nos ámbitos nos que Manoel Vello colaborara. Nos últimos meses levouse a cabo un documental sobre a súa vida, A grandeza das cousas pequenas, que se estrea este sábado 10 de xuño en Youtube.
Con 45 minutos de duración, producido por Nós Televisión e dirixido e realizado por Xosé Bocixa, o vídeo repasa todas as iniciativas nas que participou activamente ao longo da súa traxectoria política e social. Nel, unha ducia de compañeiros do eido da política, do sindicalismo, do asociacionismo e familiares repasan todas as facetas da súa vida.
Militante galeguista, levou a cabo un intenso labor activista a prol da lingua, colaborou en Nunca Máis, o sindicalismo no sector da banca ou na denuncia dos enterramentos ilegais de vacas tolas
Así, recóllense as impresións do irmán de Manoel, e da súa cuñada e curmá. Tamén se inclúe o testemuño de Luis Louro e Beti Louro en Mesía, promotores do centro social O Tizón, no que Manoel participou activamente; do ex concelleiro do BNG en Mesía e tamén compañeiro da CIG Pedro Pedreira; do párroco Gumersindo Campaña; do sociólogo Luís Liñares; do presidente da Fundación Praza Pública, Carlos Amoedo; e do gandeiro Manuel Raposo.
Tamén da parella de Manoel e a súa filla, Carolina e Catuxa Silva; dos profesores e amigos de Ordes Charo Fernández Velho e Franceso Traficante; do presidente da Asociación para a Loita contra as Enfermidades de Ril (ALCER-Galicia), Rafael Rodríguez; do que foi secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas; e do xornalista Antón Escuredo.
Na súa memoria e a de todas as persoas e colectivos que compartiron con el loita e vida", Nós Televisión quixo tomar a iniciativa de producir este documental
"Na súa memoria e a de todas as persoas e colectivos que compartiron con el loita e vida", Nós Televisión quixo tomar a iniciativa de producir este documental, "como forma tamén de renderlle homenaxe a unha persoa que sempre apoiou de forma activa e decidida os medios de comunicación en galego", sinalan os seus responsables. O audiovisual destaca que dende a súa Xanceda natal, Manoel Vello "dedicou toda a súa vida á grande loita das cousas pequenas".
A canción As cousas pequenas, de Secho e García MC, é a música principal do documental, no que tamén se inclúen os temas Días de escuela de Badana e Cortina e Nacín Libre, de Zenzar.