Nadal tráxico na Coruña. Un home de 34 anos faleceu na mañá deste pasado día 25 por disparos da Policía Nacional no polígono da Agrela logo de que atacase os axentes cunha barra de ferro, segundo sosteñen fontes policiais, que advirten que a actuación que rematou coa morte desta persoa foi en lexítima defensa. Horas antes, na madrugada do 23 ao 24, un mozo de 22 anos morría tamén logo de ser acoitelado nunha céntrica rúa da cidade.
Un home de 34 anos faleceu na mañá do 25 por disparos dun policía logo dunha intervención e un mozo de 22 anos, un día antes, tras ser acoitelado
No caso do home morto por disparos dun axente da Policía, fora sorprendido en actitude "moi agresiva" nunha zona achegada provocando danos nalgúns vehículos para logo fuxir cara ao polígono industrial, onde foi interceptado nun descampado por unha parella da Policía. Alí, durante a refrega, un dos axentes disparoulle cunha pistola táser, que usa unha descarga eléctrica para inmobilizar a persoa, pero a cantidade de roupa que vestía o home e a súa corpulencia impediron o obxectivo, segundo fontes policiais.
Os policías dispararon ás pernas deste home de orixe cubana e veciño de Torrejón de Ardoz (Madrid), que continuou coa súa actitude agresiva e se abalanzou coa barra de ferro cara a un dos axentes. Un esquivouno pero o outro policía caeu e o implicado tería aproveitado para intentar atacalo, momento no que o axente volveu dispararlle, desta vez causando a súa morte.
Os axentes prestaron declaración xa na mesma tarde do luns no xulgado e o autor dos disparos, segundo as fontes policiais, recibiu atención psicolóxica tras unha actuación contra un home que indican que xa tivo comportamentos violentos en días previos e ao que coñecían na Policía Nacional, que abriu tamén unha investigación interna sobre o sucedido.
O BNG anuncia que exixirá ao Ministerio do Interior toda a información para aclarar "os feitos que levaron as forzas de seguridade do Estado a, supostamente, quitarlle a vida a unha persoa"
A Unión Federal de Policía asegura que a morte do home chegou tras a actuación dun axente "en defensa propia", mentres que o Sindicato Unificado de Policía (SUP) falou dun "delincuente que intentou asasinar un policía nacional, tendo que ser abatido". Ademais, reclamaron "medidas na cidade", ao tempo que en declaracións posteriores denunciaron a falta de axentes na Coruña.
O BNG da Coruña aclarou que "condena e lamenta" o sucedido e anuncia que o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, "exixirá ao Ministerio do Interior toda a información precisa para que se aclaren, con axilidade e transparencia, os feitos que levaron as forzas de seguridade do Estado a, supostamente, quitarlle a vida a unha persoa".
A morte deste home chegou só horas despois doutro suceso tráxico na Coruña, cun mozo morto tras ser acoitelado moi preto da céntrica rúa Juan Flórez. A vítima, español de 22 anos, de orixe peruana e residente en Arteixo, estaba só no momento no que recibiu as coiteladas mortais, que o deixaron sen vida pasadas as 6 da madrugada.
Segundo informa La Opinión, a familia do rapaz ten un vídeo no que se ven os momentos previos á agresión mortal e na que o mozo aparece só ante os seus agresores, un grupo de varias persoas que, segundo os seus achegados, non eran amigos seus.
A subdelegada do Goberno en Galicia, María Rivas, confirmou que na pelexa participaron "varias persoas" e que o mozo faleceu "por unha ferida de arma branca no tórax".
A familia do falecido, que se concentrou no lugar dos feitos para reclamar "xustiza" xunto a amigos e achegados, pide axuda para sufragar o enterro do mozo Juan Yoel Quipe Gómez.