Un xulgado de Ourense ordena hospitalizar un paciente con tuberculose “ata que deixe de ser un risco para a saúde pública”

Un xulgado de Ourense ordena hospitalizar un paciente con tuberculose “ata que deixe de ser un risco para a saúde pública” CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta pediu a medida despois de que o home abandonase reiteradamente a medicación

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Ourense vén de autorizar a hospitalización terapéutica forzosa “baixo custodia e medidas que impidan a fuxida” dun paciente diagnosticado de turberculose “ata que deixe de representar un risco para a saúde pública”. O xuíz avala así unha solicitude nese sentido formulada pola Xunta co acordo tamén da Fiscalía.

Segundo o auto do xuíz, a enfermidade foille diagnosticada ao paciente hai máis dun ano, en maio de 2018. Desde aquela “non cumpriu co tratamento nin as obrigatorias citas para a administración do medicamento, o que obrigaba a reinstauralo ata que o volvía a interromper”. Tras “desaparecer”, o paciente volveu acudir a finais de agosto de 2018 ao centro hospitalario, onde se reiniciou o tratamento, pero deixou de presentarse ás asistencias programadas escasos días despois.

Fragmento do auto que ordena o ingreso forzoso dun paciente afectado por tuberculose CC-BY-SA Praza Pública

O xuíz indica no auto que “hai pouco máis dun mes” o paciente reapareceu “con síntomas de atoparse nunha fase moi contaxiosa, advertíndolle en tal momento da importancia de cumprir o tratamento, incumpríndoo unha vez máis e non sendo posible localizalo”.

O maxistrado aproba no auto a adopción de medidas necesarias para garantir a retención física do paciente no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ou outro centro sanitario da provincia que considere a administración sanitaria e o sometemento a tratamento médico forzoso, debendo coordinarse as forzas e corpos de seguridade do Estado, de acordo ao seu protocolo de actuación, co facultativo encargado do tratamento para determinar as medidas de confinamento e suxeición “necesarias, suficientes e proporcionais”, así como, de ser procedente, vixilancia por axentes. Unha vez concluído o tratamento o xuíz pide que se lle remita un informe detallado coas incidencias que tivesen lugar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.