A marcha pediu que a sociedade galega "aumente a súa conciencia respecto á diversidade", co obxectivo de "diminuir os casos de acoso, violencia ou agresións que están a acontecer", como a que recentemente tivo lugar en León
Unha manifestación "pola Visibilidade Trans" percorreu as rúas de Santiago este domingo ao mediodía. A marcha convocada por Arelas, que contou co apoio de máis de 120 organizacións, federacións, colectivos sociais, sindicais, veciñais, políticos e culturais que se adheriron ao seu manifesto, denunciou o incremento das agresión ás persoas deste colectivo e o "retroceso nos seus dereitos".
Os colectivos convocantes chamaron a atención, por exemplo, sobre a situación das persoas trans migrantes, "que fican desprotexidas", pois "moitas fuxiron de paises autoritarios e transfóbicos, atopándose na Galiza con impedimentos burocráticos para veren recoñecido o seu nome e identidade de xénero".
Así mesmo, pediron que a sociedade galega "aumente a súa conciencia respecto á diversidade", co obxectivo de "diminuir os casos de acoso, violencia ou agresións que están a acontecer", como a que recentemente tivo lugar en León. Na manifestación participaron representantes de varias forzas políticas (BNG, PSdeG, Esquerda Unida, Sumar ou Podemos) e sindicatos, como CIG e CCOO.
O manifesto denuncia "que o goberno galego e o goberno estatal non están a cumprir coas demandas que levan anos defendendo nas mobilizacións"
O manifesto denuncia, así mesmo, "que o goberno galego e o goberno estatal non están a cumprir coas demandas que levan anos defendendo nas mobilizacións". O texto demanda, entre outras medidas "protección legal efectiva para as persoas trans, acceso digno á saúde, á educación e ao emprego, freo inmediato ás políticas transfóbicas, liñas vermellas contra os discursos de odio nos medios, na política e nas redes, reforma do protocolo educativo en Galiza para adaptalo á Lei Trans de 2023".
Reclama, ademais, "formación obrigatoria en identidade de xénero para docentes e persoal sanitario, programas de refuxio para persoas trans perseguidas nos seus países e campañas masivas de educación para combater a desinformación". No manifesto reivindícase "que os dereitos trans son dereitos humanos, e que a súa existencia non é un debate nin unha ideoloxía, senón unha realidade".