Unha sentenza avala o illamento obrigatorio dun infectado de coronavirus de Porto do Son que non respectou o confinamento

Test PCR de coronavirus CC-BY-SA US CDC

O xulgado contencioso-administrativo número 2 de Santiago de Compostela vén de avalar nunha sentenza que as autoridades sanitarias localicen e manteñan en illamento no seu domicilio de forma obrigada a unha persoa que deu positivo por coronavirus e que non estaba a respectar o confinamento que lle fora indicado. 

Trátase dun home de Porto do Son duns 35 anos de idade que este domingo foi diagnosticado como enfermo de Covid-19

Trátase dun home de Porto do Son duns 35 anos de idade que este domingo foi diagnosticado como enfermo de Covid-19. Porén, cando se realizou unha visita ao seu domicilio para comprobar que estaba respectando a corentena, descubriuse que non se atopaba nel.

A Dirección Xeral de Saúde Pública solicitou a ratificación xudicial da medida que adoptara, relativa ao illamento obrigatorio do home no seu domicilio "ou, de non ser posible, no centro que se considere oportuno" ata que "deixe de representar un risco para a saúde". A petición de Saúde Pública ía acompañada dun informe do servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), realizado este martes. 

Interior dos xulgados de Compostela © CIG

Cando se realizou unha visita ao seu domicilio para comprobar que estaba respectando a corentena, descubriuse que non se atopaba nel

Así mesmo, o departamento do Goberno galego deu traslado da súa solicitude á Fiscalía e ao Imelga. A Fiscalía emitiu un informe no que non se opoñía á adopción da medida cautelar de busca e illamento obrigatorio, tendo en conta que o home non se atopaba no seu domicilio e que representaba "un perigo para a saúde pública". Tamén o Forense apoiou a petición, destacando a "perigosidade potencial para si mesmo e para outros".

Fiscalía e Imelga apoiaban a petición, destacando que o home constitúe "un perigo para a saúde pública", para si mesmo e para outros"

O auto do xulgado, que obriga a que busque ao enfermo, apóiase en varias sentenzas previas emitidas nos últimos anos por xulgados de Barcelona e Santander, que validan a aplicación das medidas "que as autoridades sanitarias consideren urxentes e necesarias" cando "o esixan circunstancias que poñan en risco a saúde pública" a pesar de que poidan implicar "privación ou restrición da liberdade ou doutro dereito fundamental".

A sentenza engade que "neste caso a autoridade sanitaria acordou unha medida que ten suficiente amparo legal, e que está dirixida a un constitucionalmente lexítimo, a defensa da saúde pública, a integridade física e a saúde da poboación en xeral". E, polo tanto, avala o illamento obrigatorio do infectado polo virus, no tempo que determine o Servizo de Medicina Preventiva do Hospital compostelán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.