"Xema e Clara", unha granxa de galiñas para crear emprego para persoas con problemas de saúde mental

O proxecto busca reformar unha vella nave situada no concello de Chantada ©

As persoas con problemas de saúde de mental, especialmente aquelas con situacións máis graves, sofren unha das taxas de desemprego máis elevadas, unhas dificultades de inserción laboral que supoñen un gran trastorno económico para elas, levándoas á pobreza en moitos casos e, igualmente, a empeorar as súas condicións de saúde.

A granxa, "Xema e Clara", dará traballo a cinco persoas, tres delas con diversidade funcional de tipo psíquico

Entrelampo é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como obxectivo principal crear emprego para persoas con problemas de saúde mental graves a través de iniciativas de economía social, no noso caso Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social. Un deses proxectos busca poñer en marcha unha granxa de galiñas campeiras, que se instalaría nunha vella nave abandonada en Chantada. A granxa, "Xema e Clara", dará traballo a cinco persoas, tres delas con diversidade funcional de tipo psíquico.

A campaña de micromecenado remata este venres e Entrelampo está aínda a medio camiño dos seus obxectivos

Porén, para poñer en marcha o proxecto Entrelampo necesita financiamento, que leva semanas buscando conseguir a través dunha campaña de micromecenado na plataforma goteo.org. A campaña remata este venres pola noite e xa superou os 47.000 euros de recadación, por riba dos 30.000 euros que necesitaba como "mínimo", pero aínda lonxe dos 86.000 que buscaban acadar como cantidade "óptima" para chegar a esa cifra de cinco postos de traballo.

Entrelampo busca un derradeiro empurrón para incrementar esta cantidade, de xeito que se achegue aos obxectivos previstos. Os cartos conseguidos a través do crowdfunding servirán en primeiro lugar para o arranxo da vella nave e do seu terreo adxacente (unha obra que ascende a máis de 25.000 euros) e, ademais, para a posta en marcha da granxa.

Unicamente entre un 5% e un 18% das persoas con problemas de saúde mental graves teñen un emprego

"Lanzamos esta campaña porque consideramos que é a sociedade de forma directa quen debe decidir a viabilidade social desta iniciativa", explican dende a asociación Entrelampo, que lembra que só "entre un 5% e un 18% das persoas con problemas de saúde mental graves" teñen un emprego, engadindo que "a maioría dos que conseguen traballo pérdeno en menos de seis meses". "Estamos ante un grave problema de xustiza social que atenta contra os dereitos fundamentais deste colectivo", din.

Xema e Clara xerará empregos para cinco persoas, tres delas con diversidade funcional de tipo psíquico ©

Ademais da importancia económica, o emprego "aumenta a valoración social, desprazando o rol de 'enfermo' polo de traballador, convertendo a recuperación nunha realidade"

Explican que "os motivos desta terrible situación son multifactoriais e abarcan dende problemas propios das enfermidades ata as barreiras sociais, como son o descoñecemento e prexuízos da sociedade que conforman o estigma e abranguen todas as capas sociais: civís, empresariais, políticas e mesmo sociosanitarias". Entrelampo lembra que "o beneficio do traballo neste colectivo ten valores engadidos, ademais do propio beneficio retributivo, pois permite o desenvolvemento cognitivo, organiza a vida cotiá e facilita relacións sociais". "Así mesmo, aumenta a valoración social, desprazando o rol de 'enfermo' polo de traballador, convertendo a recuperación nunha realidade", engaden.

Entrelampo tamén proxecta unha explotación hortícola ecolóxica na parroquia de Marrozos de Santiago de Compostela que dará emprego a seis persoas

A granxa "Xema e Clara" é a primeira iniciativa de creación de emprego que pon en marcha a asociación, que tamén proxecta unha explotación hortícola ecolóxica na parroquia de Marrozos de Santiago de Compostela e que conta coa colaboración de Caritas Interparroquial de Santiago de Compostela e ao GDR Terras de Compostela. Esta granxa dará emprego a seis persoas, catro delas con diversidade funcional de tipo psíquico.

Búscase transformar a nave nunha granxa adaptada ás necesidades das galiñas campeiras ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.