A NOSA (Axencia Espacial Escolar Galega) lanzará nuns días á estratosfera a súa cuarta sonda, o MarumaSat IV, que nesta ocasión buscará -entre outros experimentos- probar a teoría da relatividade especial enunciada por Einstein, estudando os muóns froito da descomposición dos raios cósmicos. Son xa seis institutos os que participan nesta iniciativa, que naceu no 2016 no IES Maruxa Mallo de Ordes, ao que se uniron un ano despois o IES Miraflores de Oleiros e o IES Marco de Camballón de Vila de Cruces, e na que nesta ocasión participan tamén o IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela, o CPI O Cruce de Cerceda e o IES Ferrol Vello.
O lanzamento está programado inicialmente para as 12 da mañá do venres 10 de maio, dende o IES Maruxa Mallo de Ordes
O lanzamento está programado inicialmente para as 12 da mañá do venres 10 de maio, dende o IES Maruxa Mallo de Ordes, xa con permiso de AENA. Con todo, todo dependerá das condicións meteorolóxicas, que poderían obrigar a adiar a suba da sonda. A segunda data concedida por AENA é o 28 de maio, tamén ás 12 da mañá dende Ordes.
Porén, xa esta semana, o xoves 2 de maio ás 15.45 horas, estudantes dos seis centros públicos galegos reuniranse no IES Maruxa Mallo para realizar unha simulación do lanzamento, co obxectivo de "ultimar algúns detalles para que a misión sexa todo un éxito".
O proxecto, que se denomina este ano Misión Einstein, buscará probar a teoría da relatividade especial enunciada polo físico nacido en Ulm, estudando os muóns froito da descomposición dos raios cósmicos. Cando os raios cósmicos -protóns e outras partículas que flúen a través do espazo- chocan contra a atmosfera da Terra, convértense noutras partículas elementais, entre elas os muóns. O feito de que os muóns sobrevivan antes de desintegrarse (de feito chegan á propia superficie terrestre) máis tempo do que sería esperable, proba a teoría de Einstein de que o tempo se dilata en velocidades elevadas, coma as que presentan os raios cósmicos.
O proxecto, que se denomina este ano Misión Einstein, buscará probar a teoría da relatividade especial
A viaxe ten outros obxectivos tamén como procurar un novo récord de altitude (36000 m), a inclusión de sensores de O₃ e radiación UV, o estudo da velocidade de reprodución de seres unicelulares fóra da Terra, a variación das propiedades organolépticas da auga, a sincronización co Sentinel, a medición do campo magnético terrestre, a xeolocalización por LoRa e GPS, o desenvolvemento dunha subcápsula de habitabilidade e a consecución de datos para emitir unha certificación de calidade do emisor TX_06.3. Ademais a sonda levará ao ceo os poemas vencedores do II Premio de Poesía Estratosférica.