No 2016 o alumnado do IES Maruxa Mallo de Ordes lanzou á estratosfera unha sonda, o MarumaSat I, que acadou os 22.000 metros de altura. O ano seguinte, a iniciativa estendeuse ao IES Miraflores de Oleiros e o IES Marco de Camballón de Vila de Cruces, conformando os tres centros a Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA), que levou a cabo con éxito outros dous lanzamentos, nos anos 2017 e 2018, chegando aos 33.000 metros, e que serviron para realizar novos experimentos. Agora o proxecto confirma o seu crecemento e sumar outros tres centros de ensino, o IES Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela, o CPI O Cruce de Cerceda e o IES Ferrol Vello, que colaborarán tamén no cuarto lanzamento, que terá lugar en maio.
Antes, alumnado e profesorado dos seis centros participarán este luns 11 de febreiro no terceiro congreso da NOSA, que terá lugar no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, en Oleiros. O encontro servirá para analizar os resultados do lanzamento do pasado ano e dos experimentos que a través del se levaron a cabo. Os alumnos e alumnas presentarán relatorios sobre distintas temáticas: desde a cetrería á ecuación de despegue da MarumaSat III, a súa placa Peltier, a proxección do espazo gravado sobre os mapas, o cálculo de visión no punto de máxima altura, o efecto das radiacións ultravioletas sobre as fabas enviadas á estratosfera, a análise das magnitudes atmosféricas, o vento na estratosfera, a explicación das anclaxes do globo, paracaídas, cápsula e sonda ata o papel da muller na astronomía ao longo da Historia.
"As misións anteriores foron todo un éxito. Este ano queremos repetir a experiencia, con novos experimentos, buscando innovar"
O encontro científico, que coincide coa celebración do Día da Muller e da Nena na Ciencia, será aberto por unha conferencia de Marilar Aleixandre e pechado por un relatorio de Manuel Vicente, responsable do programa da Radio Galega Eferveciencia. Ademais, o congreso servirá para avanzar na coordinación entre os seis centros de cara ao cuarto lanzamento do MarumaSat, que xa se está a preparar.
Diego Regos Míguez, alumno de 4º de ESO do IES Maruxa Mallo de Ordes, é o responsable do Gabinete de Comunicación de NOSA. Explica que ao igual que en anos anteriores as distintas tarefas que compoñen o proxecto están divididas en grupos de traballo, que se coordinan uns cos outros. Así, o instituto de Ordes ocúpase da comunicación, o de Oleiros é o encargado da construción da sonda e o de Vila de Cruces encárgase do deseño dos experimentos que se realizarán na estratosfera.
"As misións anteriores foron todo un éxito. Puidemos recuperar a cápsula con todo o material que leva dentro e conseguimos datos interesantes para realizar estudos. Este ano queremos repetir a experiencia, con novos experimentos, buscando innovar, porque facer sempre o mesmo pode facerse aburrido", explica en conversa con Praza.
O proxecto buscará probar a teoría da relatividade especial enunciada por Einstein, estudando os muóns froito da descomposición dos raios cósmico
O proxecto denomínase este ano Misión Einstein, buscará probar a teoría da relatividade especial enunciada polo físico nacido en Ulm, estudando os muóns froito da descomposición dos raios cósmicos. Cando os raios cósmicos -protóns e outras partículas que flúen a través do espazo- chocan contra a atmósfera da Terra, convértense noutras partículas elementais, entre elas os muóns. O feito de que os muóns sobrevivan antes de desintegrarse (de feito chegan á propia superficie terrestre) máis tempo do que sería esperable, proba a teoría de Einstein de que o tempo se dilata en velocidades elevadas, coma as que presentan os raios cósmicos.
Na sonda realizaranse outros experimentos, como o estudo da velocidade de reprodución de seres unicelulares fóra da Terra, a variación das propiedades organolépticas da auga ou a medición do campo magnético terrestre. Ademais, haberá cambios a nivel técnico. Trabállase para que a sonda acade unha altura de 36.000 metros (o que suporía un novo máximo para o MarumaSat), reducirase o seu tamaño, adaptándoo aos estándares do CubeSat, pero ao mesmo tempo incluiranse novos sensores para a medición do Ozono e da radiación ultravioleta, levarase a cabo a sincronización cos satélites Sentinel da Axencia Espacial Europea e realizarase xeolocalización por LoRa e GPS. Así mesmo, incluirá no seu interior unha subcápsula de habitabilidade, imprescindible para a realización dos experimentos sobre a reprodución de seres vivos fóra da Terra.
"Non se trata só de fabricar a sonda ou de realizar experimentos científicos no seu interior, senón que o proxecto "abrangue unha gran diversidade de campos, para que aprendamos todos"
"Está ben saír da rutina das clases", destaca Diego Regos, que salienta a importancia educativa da experiencia do MarumaSat e todo o que o rodea. "Non se trata só de fabricar a sonda ou de realizar experimentos científicos no seu interior, senón que o proxecto "abrangue unha gran diversidade de campos, para que aprendamos todos". Así, cita que dentro da Xeografía estúdase a cartografía das imaxes transmitidas pola sonda, nas Matemáticas realízanse cálculos sobre o lanzamento e a altura acadada, e mesmo na Historia aprovéitase para afondar no papel das mulleres na Ciencia nos últimos séculos.