A 'Casiña' do IES A Cachada: bioconstrución, arduino e placas solares para aprender ciencia facendo ciencia

O alumnado de A Cachada construíu 'A Casiña dos Maios' © IESP A Cachada

No ano 2017 botou a andar o Club de Ciencia do IES A Cachada de Boiro, unha iniciativa que nos últimos dous cursos desenvolveu un amplo conxunto de actividades, entre as que destacan a construción da Casiña dos Maios, que se completou nas últimas semanas. Trátase dun módulo climático de 3x2.50x2.70 m3 construído con técnicas de bioarquitectura

Buscábase "demostrar que as condicións de salubridade e habitabilidade das edificacións feitas con técnicas de bioconstrución son mellores que as das vivendas convencionais"

O obxectivo era comparar as características de diferentes materiais de construción, analizando as consecuencias do seu emprego na vida cotiá. Buscábase "demostrar que as condicións de salubridade e habitabilidade das edificacións feitas con técnicas de bioconstrución son mellores que as das vivendas convencionais". Enténdese que son materiais convencionais os cementos portland, formigóns, pinturas plásticas e non convencionais os que ata hai medio século foran os máis habituais no noso país: cal, palla, barro, area e pinturas á cal.

Instalaron unha placa solar no tellado, un sistema de rego automático ou unha microestación meteorolóxica gobernada por Arduino

Ademais de levar a cabo a construción do inmoble, o alumnado que participou no Club de Ciencia realizou un gran número de pequenos microproxectos asociados á Casiña, co obxectivo de "afondar no estudo inicial e de promover hábitos de vida saudables". Así, por exemplo, instalaron unha placa solar no tellado, un sistema de rego automático, unha estación meteorolóxica e unha microestación gobernada por Arduino. 

Para isto, construíron unha caseta con termómetro, higrómetro, anemómetro e están a tomarse medidas destes valores no interior e exterior da Casiña. Durante este proceso estudaron as características básicas de programación con Mblock, como introdución ao Arduino. Finalmente, deseñaron e montar a estación final, con ordenador para o rexistro de datos e, eventualmente, conectar unha Raspberry pi.

Así mesmo, elaboraron un mapa con datos de medicións de radon na zona e deseñaron e construíron un invernadoiro cun domo de frecuencia 3 para cultivo de aromáticas (tomiño, herba luísa, melisa, lavanda, ourego, pirixel, romeu... ).

 Con traballo e patrocinio local pode facerse. Animamos a todo o mundo a replicalo: é unha experiencia única"

O Club de Ciencia levou a cabo outras actividades, buscando por exemplo "sensibilizar o alumnado sobre os problemas de saúde e ambientais que ocasiona o abuso de plásticos", para o que customizaron bolsas de algodón ou decoraron a árbore de nadal con botellas recicladas de plástico.

Dende o IES A Cachada destacan o valor desta iniciativa, na que contaron co apoio de numerosas entidades e empresas locais: Gadis, EDF solar, Asteleiros Triñanes, Mascolor, Ferretería Casais, Ferretería Tucho, Pulmor, Abonomar, Oziona, Biotermic, Pulmor-Votorantim, Ramón Picón S.L. e o bioconstrutor, Guido Tomasini, ademais do propio Concello de Boiro. "Con traballo e patrocinio local pode facerse. Non hai outro módulo coma este en Galicia, pero animamos a todo o mundo a replicalo: é unha experiencia única", conclúen.

Foron varios os proxectos construtivos desenvolvidos en A Cachada, como este invernadoiro © IESP A Cachada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.