A CIG ve na Lei de Garantías Sanitarias un intento de privatización da Sanidade

Profesionais dun hospital público galego © Sergas

CIG-Saúde denuncia nun comunicado que desde a Consellería de Sanidade preténdese "vender o anteproxecto de Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias como unha norma dirixida a facilitar ás persoas usuarias do sistema sanitario unha maior calidade na prestación e un uso máis democrático do mesmo", cando, segundo a central, “o que se esconde detrás é o fracaso das políticas sanitarias levadas a cabo nestes catro anos”. "Está ateigado de vaguidades e falsas verdades e pon en cuestión o mantemento dunha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade”, asegura o sindicato.

"O anteproxecto de lei pon en cuestión o mantemento dunha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade”

Considera que a nova regulación consolida o Porh (Plan de Ordenación de Recursos Humanos) que só pretende eliminar emprego público e desregularizar a normativa vixente de dereitos e obrigas do persoal. “A taxa de reposición do 10%, de cada 10 prazas vacantes só se cubrirá unha, pon en risco a prestación sanitaria, facendo inviable o mantemento do servizo público”.

"O que se pretende é dar unha maior participación á sanidade privada para privatizar a pública pola vía indirecta"

Ademais, a CIG advirte que co desmantelamento do servizo público pola falla de profesionais a Consellería de Sanidade "será incapaz de cumprir os prazos máximos de 60 días para intervencións cirúrxicas e de 45 días nas consultas". Por iso, denuncia que o que se pretende "é dar unha maior participación á sanidade privada para privatizar a pública pola vía indirecta".

CIG-Saúde cuestiónase así por que non inviste logo os orzamentos que vai destinar a pagar á sanidade privada á concertación dos prazos máximos de espera. Isto, alén de preguntarse "con que criterios, e que comisión técnico-científica, decidirá as prioridades das persoas doentes para recorrer á sanidade privada". “Se estes criterios se deixan en mans da sanidade privada, esta como empresa, atenderá patoloxías por orde de rendibilidade económica e haberá patoloxías que polo seu custo non serán atendidas nin na pública e menos na privada”, asegura.

Para a CIG, o" anteproxecto tampouco explica como vai ser a libre elección de profesionais; se será ou non dentro do seu centro de saúde, porque se é fora deste, non se aclara como se vai garantir a prestación sanitaria domiciliaria”, asegura. Tampouco se explica  que pasará co número máximo de tarxetas sanitarias por profesional e se será ilimitado ou non. "Nin sequera se aclara se se está a falar de calidade e excelencia profesional ou só de cantidade”, engade.

Ademais, denuncia que o anteproxecto tampouco contempla o que ocorrerá cos programas de Saúde Da túa contorna, nin como se vai materializar a libre elección de hospital. De feito, ante isto a CIG-Saúde pregúntase "se non será que a Administración, a través desta fórmula, pretende seguir impulsando o desmantelamento dos hospitais comarcais e das súas áreas sanitarias".

A CIG teme "un efecto disuasorio, rompendo a equidade e limitando a prestación sanitaria ás persoas con menos recursos sociais, ou ás que vivan  en zonas rurais”. Fronte a isto, o sindicato propón a modificación do actual Porh, para "convertelo nunha ferramenta útil que aliñe as necesidades dos profesionais co sistema sanitario, dándolle participación real aos profesionais para deseñar os programas de necesidades dos servizos; que se elabore un orzamento real que dea resposta ás necesidades do sistema sanitario; que se revise e actualice o Plan Mellora de Atención Primaria; que os hospitais funcionen con xornada ordinaria en quenda de mañá e tarde; que se elimine a taxa de reposición e que se cubran todas as ausencias producidas nos últimos anos".

Instalacións do Sergas nunha cidade galega CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.