“Unha pata máis no banco” da futura rede privada de escolas infantís en galego. Este sábado vense de constituír en Compostela a Cooperativa de Ensino Popular Avoaescola (CEPA), un primeiro paso, pero decisivo, para a materialización no vindeiro curso “dun proxecto educativo laico, pluralista, democrático, en valores e de calidade, en calquera punto onde a cidadanía o demande”.
Tras a celebración da asembleea extraordinaria de Galiza co Galego (GcG), comisión promotora do proxecto, tivo lugar a constitución da CEPA, unha cooperativa que, en palabras do presidente de GcG, Francisco López, supón a posta en marcha “dunha ferramenta que se pon ao servizo e en mans da sociedade, dos mestres, dos educadores e dos pais e nais” co obxectivo de conformar no futuro unha rede de ensino que garanta tamén unha educación vehicular en galego, algo que xa facilitaban as galescolas durante o bipartito pero que quedou imposibilitado co novo Executivo do PP, logo da súa substitución pola rede da Galiña Azul, que non asegura o ensino da lingua propia do país nas idades máis temperás.
A cooperativa "posibilita" a pais e educadores a conformación dunha escola
Ante preto de 30 persoas, e logo de debater o proxecto económico e social “para unha escola en galego inclusiva” e constituír a CEPA, súbese un chanzo máis na construción dun proxecto que naceu hai xa tempo co compromiso de apoio -tamén económico- de máis de 3.000 persoas a Galiza co Galego (GcG), unha asociación que conta xa cun modelo educativo marco elaborado en colaboración coa a AS-PG e Nova Escola Galega, ademais do apoio de sindicatos educativos ou da Unión das Cooperativas de Ensino.
Constitúese así unha ferramenta que “fará posible que, naqueles lugares onde haxa a demanda de escola por parte das familias ou educadores se poida facer”, explica Francisco López, presidente de GcG, que aclara que o obxectivo da Cooperativa Avoescola é “posibilitar” a creación de escolas para que logo “os seus impulsores poidan constituír a súa cooperativa independente” e que en rede con outras fortalezan e expandan o proxecto”.
As achegas económicas chegan dos socios numerarios, e á vez socios da cooperativa, que crean un fondo de escola que garantirá a viabilidade dos centros de ensino asociados. “A cooperativa será a facedora da escola e a creadora de dinámicas de traballo, así como da contratación de mestres e persoal educativo”, engade. “O capital económico conseguirase na medida na que o capital humano responda”, insiste López, que advirte que xa hai un fondo creado.
“A cooperativa será a facedora da escola e a creadora de dinámicas de traballo, así como da contratación de mestres e persoal educativo”
“As escolas que vai ter este proxecto dependen da iniciativa social, da iniciativa popular. O único que ten que ter a xente é decidirse e autoorganizarse”, engade o presidente de GcG, que insiste en que o proxecto é “o impulsor” dunhas escolas que dependen tamén da implicación da xente que aposte por un ensino "en galego, laico, pluralista e democrático”