A fenda de xénero péchase nas novas tecnoloxías pero non na ciencia

Un dos proxectos presentados polos centros de ensino en Galiciencia © Fundación Fecyt

Hai fenda de xénero na ciencia en España? Si. Hai fenda de xénero nas novas tecnoloxías e no uso de Internet? Si, pero menos, e dende logo non entre os menores de 35 anos. O INE vén de actualizar o capitulo dedicado á ciencia e a Internet da súa publicación Mujeres y Hombres. Os datos, correspondentes a 2013 na meirande parte dos indicadores, amosan que os homes seguen usando máis a rede, pero xa non se detectan diferenzas nas xeracións máis novas, e o mesmo podemos dicir do uso do ordenador ou da realización de trámites telemáticos e compras a través de Internet. Porén, as estatísticas compiladas polo INE si que alertan de que a fenda de xénero na ciencia e na investigación si se mantén e apenas se detecta unha evolución nos últimos anos.

En canto ao acceso a Internet, ao uso do ordenador e, en xeral, ás novas tecnoloxías, semella que a igualdade chega por simple decantación xeracional. Dende hai un tempo rapaces e rapazas familiarízanse coa teconoloxía e coas redes dende moi novos e sen diferenza de xénero, o que fai que a porcentaxe de internautas entre os menores de 35 sexa case unánime e sen diferenza de xénero. Nos restantes treitos de idade mantense unha certa diferenza, que aos poucos vai diminuíndo. 

A fenda de xénero no acceso a Internet reduciuse nos últimos anos, dende os 5,7 puntos do 2010, até os 4,2 puntos actuais

Isto fixo que a fenda de xénero total se reducise nos últimos anos, dende os 5,7 puntos do 2010, até os 4,2 puntos actuais (un 73,7% deles e un 69,5% delas accederon á rede algunha vez nos últimos tres meses), unha diferenza semellante á que se detecta no conxunto da UE. Neste tempo, dende o ano 2010, a fenda entre os 35 e os 44 anos recortouse dos 4,6 aos 2,4 puntos; dos 45 aos 54 anos pasou dos 6,2 aos 2,4; dos 55 aos 64 anos caeu dos 11,9 puntos aos 5,1. Esa mesma fenda de xénero detéctase en niveis semellantes en distintos usos e actividades realizadas a través da rede. Por exemplo, á hora de interactuar coa administración a través de Internet (5 puntos de diferenza en favor dos homes), ou de realizar compras a través da rede (tamén 5 puntos)

Unha análise semellante podemos facer sobre o uso do ordenador. Os homes empregan o ordenador algo máis que as mulleres (o 74% deles e o 70% delas o usaron algunha vez nos últimos tres meses), pero esta diferenza só se advirte nos treitos de idade por riba dos 45 anos. Entre os que teñen menos desa idade, o uso é case unánime e practicamente idéntico en homes e mulleres. A fenda de xénero en España, neste caso, é lixeiramente inferior á que se rexistra na media da UE.

 

Diferenzas na ciencia

O número de mulleres graduadas en ciencias, matemáticas e tecnoloxía incrementouse até as 9,9, pero esta cifra segue moi lonxe da que se rexistra nos homes (21,6)

Si segue habendo unha gran diferenza entre o número de mulleres e homes graduados en ciencias, matemáticas e tecnoloxía en España. Dende o ano 2009, cando había 7,8 licenciadas nestas áreas por cada mil habitantes, o número de mulleres graduadas incrementouse até as 9,9, pero esta cifra segue moi lonxe da que se rexistra nos homes (21,6), que tamén se incrementou dende o nivel de 2009 (17). A taxa de licenciados en ciencias en España sitúase lixeiramente por debaixo da media da UE (11,1 nas mulleres e 22,3 nos homes).

As mulleres seguen investigando menos que os homes, representando o 38,5% do total, e nos últimos anos non diminuíu a fenda que os separa neste campo

Ademais, as mulleres seguen investigando menos que os homes, representando o 38,5% do total, e nos últimos anos non diminuíu a fenda que os separa neste campo. As mulleres investigadoras só son maioría nas entidades privadas sen ánimo de lucro (53,2% dos seus investigadores), e achéganse á igualdade nas unidades de investigación das administracións públicas (46,8%). Están máis lonxe nas universidades (41,6%) e nas empresas privadas (30,2%).

Iso si, no que respecta aos recursos humanos en ciencia e tecnoloxía, é dicir, ao número de traballadores totais nestas áreas, as mulleres son maioría, sobre todo nos treitos de idade máis novos. A partir dos 45 anos, ambos os dous sexos presentan cifras semellantes. De igual xeito, cada vez son máis as mulleres empregadas en sectores de alta tecnoloxía (48,7% do total), nos que xa se atopan á par que os homes.

Un dos proxectos presentados polos centros de ensino en Galiciencia © Fundación Fecyt

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.