A Fiscalía ratifica en 4.400 millóns os danos do Prestige, 2.400 deles en Galicia

Marea negra do Prestige © Greenpeace

Os danos causados pola catástrofe do Prestige ascenden a preto de 4.400 millóns de euros no conxunto do litoral do Estado afectado, dos cales uns 2.400 correspóndense aos provocados en Galicia. Eses son os datos ratificados pola Fiscalía nunha nova vista do xuízo sobre o sinistro do petroleiro e que presentou a profesora titular de Análise Económica da Universidade de Santiago María Loureiro a través dun estudo ante o tribunal da Audiencia Provincial.

Os danos, segundo o informe encargado pola Fiscalía, ascendería aos 4.400 millóns, 2.400 deles en Galicia

Foi froito dun informe pericial (Custo económico e ambiental ocasionado polo afundimento do Prestige) encargado pola Fiscalía e que aclara que a cantidade chegaría aos 4.442 millóns de engadirse os danos no litoral francés. Este é o documento sobre o que o Ministerio Público basea unha petición de indemnizacións de máis de 4.400 millóns, dos que o o Fondo Internacional de Indemnización de Danos por Contaminación de Hidrocarburos (FIDAC) xa abonou ao Estado español 114, destinados sobre todo ás compensacións ao sector pesqueiro.

Malia as elevadas cantidades, o perito da Fiscalía deixou clara na presentación do informe que as cifras son "moi conservadoras" e que poderían incrementarse substancialmente. Ademais, aclara que os cálculos fanse a medio prazo, entre 2002 e 2006, porque "non hai suficiente base científica e académica para establecer unha estimación a longo prazo".

As perdas no sector pesqueiro ascenden a 400 millóns e no sector turístico a 500

María Loureiro destaca que as perdas no sector pesqueiro, especialmente en Galicia pero tamén no resto de territorios afectados, ascende a máis de 400 millóns de euros, 205 derivados do propio accidente e uns 200 millóns máis pola caída da reputación e imaxe dun sector ao que lle afectaron as caídas de prezos durante anos.

A profesora da USC cifra tamén a perda no sector acuícola en 48 millóns e defende que o sector industrial perdeu polo accidente do petroleiro 71 millóns, ademais do transporte marítimo, que foi afectado cunhas perdas de 3,78 millóns. "Cando un territorio, como é o caso de Galicia, é altamente dependente dun sector como a pesca, sofre un impacto moi grande que é moi difícil de cuantificar", aclarou.

A experta autora do informe advirte de que as cifras son "conservadoras" e de que os gastos en atencións aos danos na saúde poden incrementarse

No entanto, o informe pericial da Fiscalía sitúa as maiores perdas no sector turístico, un total de 500 millóns, dos que 236 corresponden ao turismo interno e o resto ao internacional. O documento tamén cuantifica os danos en saúde e en atencións aos voluntarios que limparon as praias en 5,5 millóns, aínda que advertiu de que, neste apartado, o gasto podería ser moito máis elevado, porque, transcorrido o tempo, están a detectarse enfermidades supostamente relacionadas coa catástrofe.

Por último, a experta da USC indicou que as reclamacións por danos civís acreditados ascenden a 1.446 millóns e o resto contabilízase no achegado de danos ambientais.

Logo da súa exposición ante o tribunal, o letrado dos FIDAC Mike Garteiz cuestionou a metodoloxía utilizada para a elaboración deste informe, que cualificou de "inchado" e subliñou que as cantidades reclamadas son "desproporcionadas". Este avogado sinalou que na elaboración deste informe non se tiveron en conta cuestiones anteriores ao accidente, como vedas ou mareas vermellas.

Ademais, insistiu en que as cantidades adiantadas polo Estado español deberían ter carácter indemnizatorio e descontadas da posterior repartición dos fondos pendentes, mentres que o perito referiuse a elas como meras "axudas sociais".

Voluntarios recollendo chapapote Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.