A fuga de cerebros, ”un topicazo”?

Entrada e saida de investigadores nalgúns dos paises máis desenvolvidos CC-BY Materia

“A fuga de cerebros é un topicazo”, dicía o mércores o deputado do PP Alejandro Fernández durante a última comparecencia no Congreso da responsable de I+D do Goberno, a secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vela. Pouco antes, o deputado de UPyD Carlos Martínez Gorriarán acusara o Goberno de provocar, precisamente, a fuga de cerebros, e en Twitter, o deputado de Esquerda Unida Alberto Garzón ironizaba coa afirmación de Fernández. O tres tiñan algo en común: ningún fundamentou con datos as súas afirmacións.

A única que si esgrimiu cifras foi a propia Vela que respondeu cunha enquisa do INE na que se afirma que un 21% dos científicos españois marcharon vivir fóra de España nalgún momento entre 2000 e 2009, pero que unha cifra similar, o 20,7%, foi cuberta por estranxeiros que viñeron traballar aquí. Con esas cifras argumentou, coas mesmas referencias e case a mesma argumentación que a ex ministra do ramo, Cristina Garmendia, que máis que fuga de cerebros o que hai é “mobilidade”. E hai un ano, unhas palabras do ministro de Cultura, José Ignacio Wert, negando a fuga de cerebros, tamén acenderon as redes sociais.

O certo é que máis aló dos datos do INE, que alcanzan até 2009, o primeiro ano dos recortes e o momento xusto no que os investigadores españois contaban con máis recursos á súa disposición da historia, non é sinxelo obter datos que permitan avaliar con información precisa a magnitude da presunta fuga. O Ministerio de Economía e Competitividade, do que depende a xestión da I+D, non conta cun rexistro de saídas e entradas de investigadores, e tampouco existe un rexistro similar en Exteriores. Ademais, dada a liberdade de movementos dentro da UE, o presunto destino da maior parte dos cerebros fuxidos, resulta aínda máis complicado seguir o trasfego dos científicos.

Poucos españois investigan no estranxeiro, un 8,4% do total, e só un 7,3% dos investigadores que traballaban en España era estranxeiro

Un dos estudos máis recentes sobre este asunto, impulsado polo National Bureau of Economic Research, tampouco parece sustentar a hipótese dunha saída masiva de investigadores españois acirrados pola crise. Nunha enquisa realizada en 2011 a 17.182 investigadores dos 16 principais países produtores de ciencia do mundo reflectíase que a mobilidade no sistema español de I+D era moi reducida. Poucos españois investigaban no estranxeiro, un 8,4% do total, e só un 7,3% dos investigadores que traballaban en España era estranxeiro. Esta falta de foráneos colócanos xunto a países como Italia ou Brasil, que tamén teñen menos dun 10% de estranxeiros, pero tamén xunto a unha potencia como Xapón, que queda no 5%.

 

Os máis caseiros, xunto aos xaponeses

É previsible que as poutadas dos últimos recortes agravasen a situación dos investigadores españois e que un maior número estea a buscar o seu futuro fóra

Países como Canadá (49%), EEUU (38,4%) ou Alemaña (23,2%) atraen moito máis talento que España. Pero moitas destas potencias científicas tamén o exportan en maiores cantidades. O 23,3% dos investigadores alemáns enquisados traballaba no estranxeiro en 2011, o 26,4% dos holandeses e o 25,1% dos británicos. Ademais, o estudo sobre a mobilidade dos investigadores das grandes potencias científicas do mundo indica que os españois que saen case sempre regresan. Un 86,7% faino. Só os xaponeses mostran máis apego polo seu país, cunha taxa de retorno do 92%.

É previsible que as poutadas dos últimos recortes agravasen a situación dos investigadores españois e que un maior número estea a buscar o seu futuro fóra do país, pero polo momento é complicado sustentar con datos calquera hipótese respecto diso.

Entrada e saida de investigadores nalgúns dos paises máis desenvolvidos CC-BY Materia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.