A Galicia Maker Faire trae a Richard Stallman a Compostela

Edición 2016 da feira © Galicia Maker Faire

En 2015 tivo lugar a primeira edición da Galicia Maker Faire en Compostela, que tivo continuidade o pasado ano, cun notable crecemento en canto ao número de participantes e asistentes. Chega xa a terceira edición, que se realizará entre o 24 e o 26 de novembro na Cidade da Cultura. Con moitas sopresas e un convidado moi especial: Richard Stallman, creador do movemento do software libre, que ofrecerá unha conferencia. Nos anos 80 publicou o Manifesto GNU, e creou a Free Software Fundation para a coordinación dos esforzos para a creación do sistema operativo libre GNU. É o autor, ademais, da Licenza Xeral GNU.

A organización do evento espera incrementar en moito a dimensión das edicións anteriores da feira, nas que participaron 300 makers e asistiron un total de 24 mil persoas. Ademais do cambio de localización, o evento suma un día máis de programación, o venres 24 de novembro, que estará enfocado ao sector profesional, favorecendo que os expositores poidan dirixir dun modo máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo. O fin de semana do 25 e 26 manterase para o público xeral. A feira busca dar o salto internacional, para o que contará con relatores e expositores de referencia a nivel mundial, con participantes chegados dos Estados Unidos ou de Reino Unido entre outros, dándolle unha visibilidade maior ao evento e que esperan repercuta en novas oportunidades de negocio para as empresas e makers participantes. O evento, impulsado por VermisLAB e O Gato Cósmico, conta co apoio do Concello de Santiago e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Os makers son os argalleiros e argalleiras de toda a vida, é dicir: persoas inquedas que gostan de utilizar o seu talento pensando en solucións a problemas cotiás e que disfrutan compartindo aquilo que saben facer, online ou en persoa, o que permite unha innovación moito máis áxil. Isto está a dar lugar ao que coñecemos hoxe en día como o Movemento Maker. Este movemento baséase na cultura do Do It Yourself ou Faino ti mesmo e a aplicación dos principios do software libre á fabricación.

 

Edición 2016 da feira © Galicia Maker Faire
Richard Stallman, durante unha conferencia CC-BY-SA LaTribuFM88.7
Edición 2016 da feira © Galicia Maker Faire

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.