A investigación na Universidade da Coruña acada un 'notable' na avaliación do Ministerio de Economía

Campus da Universidade da Coruña CC-BY-NC-SA molineli

Hai uns meses a Universidade da Coruña someteu os seus grupos de investigación a unha avaliación externa da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva, dependente do Ministerio de Economía. O obxectivo era coñecer a realidade obxectiva da investigación que se fai nos campus coruñeses e ferrolán e, ademais,  financiar con carácter plurianual os grupos de investigación en función dos resultados obtidos, fortalecendo os ámbitos nos que se requira máis apoio institucional.

Os resultados foron moi positivos: unha media de 37 puntos sobre 50 posibles con máis dun 26% dos grupos por riba dos 40 puntos (grupos moi competitivos a nivel internacional) e outro 57,14% cun nivel de "relevancia a nivel estatal"

Os resultados foron moi positivos: unha media de 37 puntos sobre 50 posibles con máis dun 26% dos grupos por riba dos 40 puntos (grupos moi competitivos a nivel internacional) e outro 57,14% cun nivel de "relevancia a nivel estatal". Só un número moi reducido de grupos evidencia unha necesidade clara de mellora. O informe da Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva salienta que os grupos que conseguiron mellores puntuacións son aqueles relacionados coas Ciencias e as Humanidades, con 40 puntos sobre 50. E os de Ciencias da Saúde e Ciencias Sociais e Xurídicas foron os que tiveron a peor nota, con 33,5 y 32 puntos. Destacan especialmente as cualificacións de Bioloxía, Ciencias da Terra, Filoloxía e Filosofía, as máis altas.

Ademais da valoración dos grupos, realizouse unha avaliación dos profesores e investigadores a nivel individual. Neste caso, un 13% dos profesores da UDC logran o nivel de excelencia de calidade homologable a nivel internacional na súa área científica e o 30% son relevantes a nivel estatal, estando a maioría do resto do profesorado nun termo medio a nivel estatal. É de destacar que nesta valoración incluíuse a profesorado novo, en fase aínda de formación que, en xeral, obtivo unha cualificación de “emerxente”.

Despois de ser elixido reitor en xaneiro Xosé Luís Armesto criticou a redución de fondos de investigación por parte do Goberno central: "os recortes en I+D+i pagaranse nas vindeiras décadas", dixo. Unha redución que obrigou a UDC, por exemplo, a recortar o orzamento para os grupos de investigación nun 3% este ano.

A redución de fondos de investigación por parte do Goberno central obrigou a UDC a recortar o orzamento para os grupos de investigación nun 3% este ano

Ricardo Cao, vicerreitor de Investigación e Transferencia, salientou que “tanto o conxunto de grupos de investigación da Universidade da Coruña como o conxunto dos seus investigadores teñen aprobado con nota a avaliación externa de calidade por unha axencia independente e de recoñecido prestixio, á que poucas universidades españolas se someten”. E comprometeuse a  "potenciar os grupos de investigación a todos os niveis para que, en concreto, aumenten o seu nivel de colaboración co sector produtivo, máxime na actual conxuntura económica”.

Campus da Universidade da Coruña CC-BY-NC-SA molineli

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.