A oposición critica unha lei de fomento da investigación "sen financiamento" e que "non conduce a nada"

Concentración de investigadores en Ourense Dominio Público Praza Pública

“Gustoume moito o seu discurso, señor conselleiro. Agás por unha cousa: non é certo”, deste xeito comezou o deputado de AGE David Fernández Calviño a súa réplica á intervención que o conselleiro de Industria, Francisco Conde, viña de facer do proxecto de Lei de fomento da investigación e a innovación de Galicia. “Esta lei non di nada e carece do fundamental, o financiamento”, engadiu Fernández Calviño, e concluiu: “a norma é unha cortina de fume que non conduce a nada”.

O Goberno galego tamén promete que o investimento en I+D+i crecerá até o 1,2% do PIB pero adía o cumprimento desta promesa até 2016

En termos semellantes se pronunciaron PSdeG-PSOE e BNG que incidiron en que o proxecto non contiña máis que "vaguidades" e que carecía do necesario financiamento. Mesmo así o PP fixo valer a súa maioría absoluta e o proxecto continuará o seu trámite parlamentario, co obxectivo de substituir a actual norma, aprobada en 1993. A Xunta propón crear un consello asesor que "implique os axentes na toma de decisións" e tamén un observatorio que faga seguimento da actividade investigadora xestionada con fondos públicos. E o Goberno galego tamén promete que o investimento en I+D+i crecerá até o 1,2% do PIB pero adía o cumprimento desta promesa até 2016. O deputado do PP Pedro Arias explicou que o financiamente se decidirá cada ano "para poder adaptarse a cada coyuntura económica".

Méndez Romeu lamentou a “distancia astronómica” do nivel de gasto público destinado a I+D en Cataluña e País Vasco con respecto a Galicia, unha Comunidade Autónoma que se sitúa mesmo por debaixo de Cantabria, Castela A Mancha ou La Rioja

Neste sendo o portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, dixo que a Lei de I+D da Xunta “carece de compromiso orzamentario” e foi realizada sen ter en conta ao sector. Méndez Romeu sinalou que o goberno do PP recurtou un 29 por cento dos orzamentos destinados a I+D dende a súa toma de posesión, un total de 90 millóns de euros. E engadiu que “levamos catro anos indo no sentido contrario” ao obxectivo fixado pola UE de investir o 3 por cento do PIB en I+D, e mentres o País Vasco supera xa o 2 por cento, Galicia sitúase por debaixo do 1 por cento “e baixando”. Lamentou así a “distancia astronómica” do nivel de gasto público destinado a I+D en Cataluña e País Vasco con respecto a Galicia, unha Comunidade Autónoma que se sitúa mesmo por debaixo de Cantabria, Castela A Mancha ou La Rioja.

David Fernández Calviño lembrou que en 2008, cando gobernaba o bipartito, os programas para doutores, tecnólogos ou centros de alta tecnoloxía contaban con 30 millóns de euros

David Fernández Calviño lembrou que en 2008, cando gobernaba o bipartito, os programas para doutores, tecnólogos ou centros de alta tecnoloxía contaban con 30 millóns de euros. Este ano, serán catro millóns. Para Fernández Calviño o proxecto ignora “os problemas da investigación en Galicia”, coma "a eliminación das bolsas Parga Pondal, a marcha a Euskal Herria do doutor Liz Marzán ou a ausencia dunha liña de asentamento dos investigadores galegos". “Vostedes non toman isto en serio”, concluíu, “porque estou convencido de que ao PP non lle interesa que en Galicia haxa xente formada”. E comparou os medios das universidades cun "coche moi potente ao que non se lle bota gasolina" pois "se no laboratorio non poden mercar reactivos, non poden investigar e o motor da investigación está parado dende que Feijoo goberna".

Pola súa banda a deputada del BNG Carme Adán sinalou a norma está "baleira de contido" e criticou a "falta de rigor" do texto. Tamén demandou a creación dun corpo de investigadores propio da Xunta, "como en Euskadi".

Concentración de investigadores en Ourense Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.