Quéntase o conflito. Un dos peches estudantís que se está a levar a cabo en Galicia durante estes días rematou cun desaloxo violento. Nesta madrugada do martes ao mércores, a policía desaloxou violentamente os preto de 50 estudantes que permanecían pechados na Biblioteca Municipal de Ourense en protesta contra os recortes no ensino público e contra as medidas "de privatización da Universidade".
Segundo contan varias das testemuñas, e tal e como se pode ver tamén nun vídeo gravado desde o interior, a Policía desaloxou con violencia a Biblioteca sobre as 2.30 da madrugada. Entre dez e quince coches mobilizaron as forzas de seguridade, tal e como lembra Marcos Sumavielle, membro da Liga Estudantil e un dos presentes no peche. "Foron violentos; agarráronnos con forza polos brazos, empregaron porras e moitos de nós temos mazaduras e rabuñaduras polo corpo", denuncia este estudante, que recoñece que non hai feridos graves, pero si numerosos contusionados. "Déronnnos tres avisos para que marcharamos polas boas e nós agarrámonos entre todos para impedir o desaloxo, daquela empezaron a cargar", recorda.
"Agarráronnos con forza polos brazos, empregaron as porras e insultáronnos"
"Racharon as camisolas de varios compañeiros e intentaron empurrar polas escaleiras a varios mozos, incluído a unha moza menor de idade que por pouco cae a rolos", explica Marcos Sumavielle, que denuncia tamén "as continuas faltas de respecto e insultos" dos policías cara aos alumnos. "Chamáronnos panda de burros en varias ocasións", insiste, tras lembrar que o peche comezara pouco antes das 9 da noite e que incluso os responsables non puxeran inconveniente ningún. Na Biblioteca había membros de Liga Estudantil, Galiza Nova, Adiante, AMI, Xuventude Comunista, Estudantes sen Futuro, Liga Comunista Libertaria e 15M-Asemblea aberta.
"Chamaron á policía para avisar e eles foron quen dixeron que falarían con quen tiñan que falar", explica Sumavielle, que aclara tamén que a Biblioteca avisou a seguridade privada, pero unicamente para controlar que non houbese problema ningún. "Todo transcorreu con absoluta normalidade ata que entrou a policía, a relación cos gardas de seguridade privados foi exemplar", insiste.
Xa hai convocadas tres concentracións en Galicia para rexeitar a actuación policial e apoiar os estudantes
A noticia saltou rapidamente ás redes sociais grazas a que a asemblea de estudantes retransmitía en directo o que alí acontecía por Twitter e a través dunha gravación. No momento de entraren os policías, o ordenador deixa de filmar pero si se poden escoitar os berros e a tensión entre axentes e estudantes, que se queixan tamén de desperfectos no seu material.
Ademais, convocáronse xa en Galicia diversas manifestacións como rexeitamento do desaloxo violento da Biblioteca de Ourense. Ás 19 horas en Santiago, na praza do Toural; ás 19 en Lugo, diante de Intercentros;ás 20 horas na Coruña, no Obelisco; ás 21 en Vigo, na Farola; e ás 20 na propia cidade das Burgas, diante da Subdelegación do Goberno.
A Liga Estudantil Galega xa mostrou o seu "apoio ao estudantado ourensán" e rexeitou "rotundamente, mais unha vez, a intervención policial, represora, violenta e sen escrúpulos, ao servizo do poder e non cumprindo o papel que se lle presupón, de velar pola seguridade de todas nós".