"A presión lexislativa dos lobbies do copyright abre precedentes perigosos"

CC-BY Txopi

"Piratas de Galicia busca a Nito75". Así se titula o post que esta formación política publicou o pasado sábado e no que facían un chamamento a este usuario de P2P condenado a perder a súa conexión de Internet (aínda que R xa anunciou que lle é imposible cumprir a sentenza ao non coñecer a identidade deste alias) para ter unha entrevista con eles e ofrecerlle asesoramento legal.

Os Piratas sinalan que aínda que "moi probablemente desexe manter o seu anonimato", "cremos que Nito75 debería ter o dereito a expresar (anonimamente) o seu punto de vista sobre o acontecido. Ese punto de vista que as autoridades xudiciais españolas lle negaron". Alén desta irregularidade no proceso, Piratas denuncian que "un usuario galego, cun operador galego, sexa xulgado en Barcelona cos gastos que iso leva consigo e porque ese xuíz é favorábel ás teses dos lobbies". Tamén queren que "saiba que ten o apoio dun amplo sector da poboación" e, sobre todo, destacan que "este é un bo momento para reavivar o debate sobre as excesivas medidas xudiciais que se están a impor en España neste tema. Medidas que, como vemos, chegan a extremos tan desproporcionados como negarlle á cidadanía o ser parte dun procedemento que lles afecte".

Por este motivo, ofrécenlle, a través dun formulario de contacto seguro manter unha entrevista "totalmente anónima na que expresar a súa opinión sobre este asunto" e tamén a "asesoría xurídica dos nosos avogados, co fin de que coñeza os pasos que debe dar no futuro dependendo de cómo evolúa a situación", unha asesoría legal que podería necesitar no caso de que "os demandantes buscasen formas irregulares de identificar este usuario".

"Saltáronse as normas procesais e iso é moi perigoso. O peor é facerllo a xente normal, da rúa. Xente que non se lucra nin o pretende"

Por que queredes contactar con Nito75?

Porque pensamos que sufriu unha inxustiza tremenda ao non ser oído no proceso nin ter dereito a defenderse. Saltáronse as normas procesais e iso é moi perigoso. O peor é facerllo a xente normal, da rúa. Xente que non se lucra nin o pretende. O mínimo que merece Nito75 é o dereito que se lle negou, o de expresar o seu punto de vista. Por iso queremos falar con el.

"Podería ser que os demandantes buscasen formas irregulares de identificar este usuario. É por iso polo que lle ofrecemos a Nito75 a asesoría legal que pode necesitar para o caso de que os demandantes sigan por esta vía"

Como credes que evolucionará a súa situación, o seu proceso?

Promusicae e os demais demandantes están nunha quella sen saída legal. Non poden usar un alias ou un enderezo IP para atacar xudicialmente Nito75, porque iso non identifica persoas concretas e os procedementos xudiciais teñen que ir dirixidos a persoas. Supoñemos que contaban con que a súa argucia legal -atacar a R en vez da Nito75- lles permitiría salvar o escollo. Pero agora que R decidiu que non pode cumprir coa sentenza, os demandantes quedan sen ferramentas. Mentres non saiban quen é Nito75, non poderán facer nada contra el. Por iso dende Piratas de Galicia ofrecémoslle a Nito75 unha comunicación totalmente anónima. De todos os xeitos, podería ser que os demandantes buscasen formas irregulares de identificar este usuario. É por iso polo que lle ofrecemos a Nito75 a asesoría legal que pode necesitar para o caso de que os demandantes sigan por esta vía, ou para que coñeza o que pode facer como protección legal preventiva.

Como valorades a resposta dada por R neste asunto?

Un pouco tarde e intentando contentar a demasiada xente. Nunca se mollaron pola liberdade do usuario e limitáronse a dicir que ían cumprir a orde xudicial. Deberían estudar as implicacións que ten para os proveedores de Internet esta sentenza. Con todo, hai que dicir que Promusicae e os demais demandantes actuaron con mala fe procesal. Tendo en conta que a suposta infracción se cometeu en Galicia, debería ter sido aquí onde presentasen a súa demanda. Fixérono en Catalunya e con iso dificultaron que R puidese ser parte no proceso. Quen sabe se a actitude de R tería sido diferente -para ben ou para mal- en caso de presentarse a demanda en Galicia.

"Non é de recibo que a un usuario galego, cun operador galego, sexa xulgado en Barcelona cos gastos que iso leva consigo e porque ese xuíz é favorábel ás teses dos lobbies"

Credes que esta sentenza marca o comezo dunha ofensiva ou dun endurecemento das accións contra o intercambio de arquivos?

Esa ofensiva lévase anos facendo. Non é de recibo que a un usuario galego, cun operador galego, sexa xulgado en Barcelona cos gastos que iso leva consigo e porque ese xuíz é favorábel ás teses dos lobbies. Os grupos de presión do copyright levan anos na procura do xeito de saltar a lei (ou de crear leis novas) para favorecer os seus propios intereses. É certo que polo de agora se freou esta nova ofensiva cunha argallada técnica, pero non hai dúbida de que seguirán buscando vías de acción contra o libre intercambio de cultura sen ánimo de lucro.

Aplicouse contra Nito75 unha norma anterior á lei Sinde-Wert. Que opinades do proceso que seguiu esta lei, que ao final practicamente non se está a aplicar?

Toda a lexislación en materia da mal chamada propiedade intelectual é unha serie de parches e remendos intentando arranxar pola forza algo que só se arranxa cambiando o paradigma, o punto de partida. As normas chegan a extremos tan incoherentes como o caso de Nito75, ao que se condenou sen sequera oílo.

"Toda a lexislación en materia da mal chamada propiedade intelectual é unha serie de parches e remendos intentando arranxar pola forza algo que só se arranxa cambiando o paradigma, o punto de partida"

Respecto á Lei Sinde-Wert, todos os que sabemos como funciona Internet en xeral -e o movemento Pirata en particular- xa avisamos de que ía ser inútil, de que era poñerlle portas ao campo, pero non se nos escoitou. Gastaron tempo, diñeiro dos contribuíntes e recursos persoais en algo que estaba cantado que non serviría para nada. Mesmo crearon un tribunal secreto (custou moito conseguir identificar os membros da Sección Segunda da Comisión de Propiedade Intelectual), pero nin por esas serviu de nada. Se algo nos ensina a historia lexislativa recente é que o conflito do intercambio de ficheiros en Internet non se vai solucionar pola vía represiva. Até que o Goberno non se decate disto, seguiremos gastando tempo, cartos e recursos en leis absurdas e inútiles.

Por que credes que é necesario "avivar o debate" sobre este asunto?

A meirande parte da xente está case convencida de que compartir nas redes P2P é ilegal e isto non é así se non hai ánimo de lucro (como no caso de Nito75). O debate é necesario para que a fenomenal propaganda da industria cultural non sexa a única voz que lle chega aos cidadáns. Ademais, a presión lexislativa dos lobbies do copyright abre precedentes perigosos. Intentouse sacar as infraccións da mal chamada propiedade intelectual do Código Penal e pasalas á máis arbitraria orde administrativa, creouse un tribunal secreto (a Sección Segunda da Comisión de Propiedade Intelectual), agora condénase a alguén sen sequera darlle o dereito a ser oído no xuízo contra el...

"A meirande parte da xente está case convencida de que compartir nas redes P2P é ilegal e isto non é así se non hai ánimo de lucro (como no caso de Nito75)"

Todo isto debe preocupar lle á cidadanía, mesmo se se está contra o intercambio de material cultural. Porque hoxe ditouse unha sentenza contra un 'pirata' sen deixalo falar no xuízo, pero mañá podería ser o mesmo contra alguén que exprese unha opinión contraria á do Goberno, ou contra un homosexual, ou... Por iso é importante que o debate se manteña vivo e que a cidadanía se manteña vixiante.

Que poden facer os usuarios e usuarias para defenderse e protexer os seus dereitos? 

Principalmente, informarse. Moitas das normas abusivas que intentan impoñernos fanas sabendo que pouca xente as coñecerá ou as entenderá. Unha cidadanía ben informada e que saiba como defender os seus dereitos dentro do propio sistema legal é o pesadelo para os que ditan estas normas e unha salvagarda para as persoas en conxunto.

 

(As respostas foron feitas de forma colaborativa polo equipo de Relacións Públicas de Piratas de Galicia)

R anunciou que non pode cortarlle o acceso a un usuario do que só coñece o nick © http://www.dekazeta.net/
CC-BY Txopi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.