A rapazada inventa: Dende lentes para cegos a un dispositivo para escorrentar xabaríns

Dúas das participantes en Galiciencia 2016 © Galiciencia

Este xoves comeza en Ourense a 13ª edición de Galiciencia, na que participan 79 proxectos (50 de Secundaria e Bacharelato e 29 de Primaria) de 40 centros escolares de Galicia, Asturias, Cataluña, Euskadi e Andalucía, que se exporán ata o venres. A partir do 2018 a feira científica para escolares (celebrada habitualmente no outono) trasladarase ao mes de maio, para adaptarse mellor ao calendario do alumnado.

O recinto de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas, acolle o evento, que este ano bateu o seu récord de centros participantes, un total de 40. A delegación máis numerosa na exposición de proxectos procede da provincia de Pontevedra, cun total de 34 equipos defendendo as súas investigacións e inventos. A eles súmanse 20 da Coruña, 11 de Ourense, 8 de Lugo, 3 de Biscaia, un de Barcelona, un de Asturias e un de Cádiz

A previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia supera as 2000, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes. A exposición de proxectos permanecerá aberta de 10 a 13 horas e de 15 a 18 horas tanto o mércores coma o xoves, mentres que o venres só estará aberta pola maña ata a entrega de premios. 

Os proxectos de Primaria exhíbense fóra de competición, mentres que os de Secundaria e Bacharelato pugnarán por situarse entre os tres finalistas, conseguindo o galardón ao proxecto máis innovador, ao método científico e proceso investigador mellor definido ou á mellor comunicación e presentación oral. Entre estes, o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2018. O clasificado en segundo posto terá unha dotación de 500 euros para apoiar a súa participación na Zientzia Azoka, a feira anual de ciencia que ten lugar cada ano na primavera en Bilbao. O proxecto que quede en terceiro lugar recibirá 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

Entre os proxectos atopamos un peche automático de ventás de tellado por detección de chuvia ou uns lentes para cegos que detectan obstáculos con ultrasóns

As actividades paralelas deste ano terán a astronomía como protagonista. De feito, a celebración da Galiciencia comezou xa na primavera co lanzamento dun desafío astronómico que tivo xa varias probas eliminatorias e que resolverá a súa fase final no mes de novembro. En “Atrévete coa astronomía!” participaron escolares de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia que ata o de agora competiron de xeito remoto e que se disputarán a vitoria presencialmente durante a Galiciencia.

 

Os proxectos

Entre os proxectos que se presentarán estes tres días eu Ourense hai un pouco de todo. Por exemplo, atopamos Panic Pork, un dispositivo para escorrentar o xabarín lonxe dos cultivos que combina métodos tradicionais (materiais reflectantes, pelo) co uso da electrónica. Tamén un peche automático de ventás de tellado por detección de chuvia, que cando rexistra precipitacións activa un motorciño capaz de pechar a ventá. Presentaranse tamén uns lentes para cegos: deseñados en Autodesk 360 Fusion e impresos en impresora 3D, aos que se engadiron uns sensores ultrasónicos conectados a unha placa electrónica micro-controladora; cando os sensores de ultrasóns detectan un obstáculo a unha determinada distancia, emiten un son do lado do que está o obstáculo.

Poderase ver tamén o deseño dun invernadoiro con autorrego de auga de mar; un sistema de esterilización de auga low-cost; ou a maqueta dunha vivenda bioclimática

Poderase ver tamén o deseño dun invernadoiro con autorrego de auga de mar; un sistema de esterilización de auga low-cost; a maqueta dunha vivenda bioclimática, coa máxima eficiencia enerxética; un proxecto de biotransformación de residuos orgánicos domésticos con vermicompostaxe; outro de uso de algas como esterco; ou un estudo sobre a alimentación e comportamento do picudo vermello, que ataca as palmeiras.

 

Unha das edicións anteriores de Galiciencia © Galiciencia
Participantes na edición 2016 da feira © Galiciencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.